Comezan os traballos para arranxar o paramento derrubado na muralla de Lugo
Os operarios da empresa encargada da conservación delimitaron con barreiras o tramo afectado, tanto no adarve como no carril interior
Os operarios da empresa encargada das obras de conservación da muralla de Lugo comezaron os traballos para arranxar o paramento derrubado a fin de semana. Baixo a supervisión do arquitecto responsable deste monumento declarado Patrimonio da Humanidade, delimitaron con barreiras o tramo afectado.
Polo momento, non se retiraron os materiais que caeron sobre a rolda interior, posto que están a funcionar como un contraforte.
"Estamos traballando xa para garantir a seguridade dos viandantes cunhas certas limitacións, o que significa que non ocuparemos todo o adarve senón unha parte estreita, ao igual ca na rúa do Moucho. Non imos quitar o que se derrubou porque iso está facendo de contraforte de apoio", sinala Ignacio López de Rego, arquitecto responsable da muralla de Lugo.
De xeito paralelo á reconstrución do tramo afectado, realizarase unha inspección integral da muralla co fin de detectar se é precisa algunha outra actuación que evite novas derrubas a causa da auga acumulada. O inicio dos traballos chamou a atención de moitos viandantes que se achegaron para coñecer de primeira man o alcance dos danos no monumento máis emblemático da cidade.
"O que imos facer, xa con máis tempo, é unha inspección pormenorizada tanto da cara exterior como da interior do monumento para determinar, en función desa monitorización que temos, se houbo alteracións substanciais que provoquen de teñamos que tratar dunha forma específica unha determinada zona", explica López de Rego.
Co fin de acelerar o proceso de reconstrución do paramento derrubado, dende o Concello de Lugo ofrecéronse a axilizar os permisos de obra neste monumento propiedade da Xunta. En calquera caso, os responsables da súa conservación sinalan que serán necesarios varios meses para finalizar os traballos.