A reparación da Muralla de Lugo está practicamente lista
Os traballos tamén serviron para darlle máis estabilidade ao resto do perímetro e sacaron á luz unha escaleira, da que apareceron dous chanzos
A Muralla de Lugo xa volve estar enteira.
"Nun tempo record, cumprindo todos os pasos a seguir", explica o conselleiro de Cultura, José López.
E isto fíxoo posible o plan director, o documento que recolle todas as características técnicas do monumento.
"Especifica o que hai que facer en cada momento con calquera tipo de actuación", comenta Ignacio López de Rego, arquitecto do Plan director da Muralla.
A reconstrución foi unha obra artesanal, o muro volveu levantarse pedra a pedra. Uns traballos que permitiron descubrir unha nova escaleira romana.
"Sabíamos que había un cubo, o 26, un lenzo que estaban afectados, e sabíamos polo tanto que tamén había unha escaleira", engade o arquitecto.
Era un acceso máis ao monumento que de momento non quedará á vista para garantir o paso no adarve. Para seguir avanzando no seu coñecemento e na súa conservación, a Xunta destinará no período 2026-27 un millón de euros.
"Os compromisos que temos a través do Plan director que funcionou de forma extraordinaria, polo tanto temos que ser máis estritos", explica o conselleiro de Cultura.
A muralla derrubárase hai un mes coa intensa chuvia.