Moita afluencia de público na primeira xornada da Feira Medieval de Monforte
A Feira chega á sua edición 22º coa aspiración de ser declarada Festa de Interese Turístico
Máis de 140 postos participan no mercado de artesanía e gastronomía.
Monforte recrea esta fin de semana o seu pasado medieval. As rúas do casco vello retroceden á época do primeiro conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio.
"Mediados do século XV. Traemos vestimentas desa época, replicadas fielmente por cada unha das persoas que forman parte da asociación", explica Francisco José Pinos, membro da asociación Cabaleiros de Ulver.
Máis de 140 postos de artesanía e gastronomía están instalados nas rúas da zona vella e na praza de abastos. O bo tempo axudou a atraer moito público desde primeira hora.
"Cada ano hai máis xente, e este ano o que prima é o bo tempo. O que vexo é que hai pouca xente vestida de medieval", di unha asistente.
"O lóxico é darlle auxe á festa. Se vimos todos sen vestir, non é lóxico", opina outro asistente.
"Dálle vida a Monforte, sobre todo ao comercio e á hostalería", asegura unha veciña.
A feira vai continuar ao longo de toda a fin de semana cun amplo programa de activades, con teatro de rúa, grupos de música medieval ou exhibicións de cetrería Despois de 22 edicións, a Feira Medieval de Monforte aspira a dar un paso máis e a ser recoñecida como Festa de Interese turístico.