Publicador de contidos

Publicador de contidos

Así serán os novos exames nas probas de acceso á universidade

Así serán os novos exames nas probas de acceso á universidade

Manteñen a estrutura, pero teñen cambios nas puntuacións e nos enunciados

Queren evitar problemas como os da pasada edición da PAU

G24.gal 15/09/2026 14:40

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) xa ten na súa web os modelos de exames para a PAU deste curso. Uns textos que analizarán con lupa profesores e alumnos despois da polémica da selectividade de 2026. Unha proba con erros nos enunciados e moito estrés entre os estudantes, que levou a un pacto entre as tres universidades públicas galegas e a Consellería de Educación.

A simple vista, os exames manteñen as mesmas estruturas, pero cambia o peso dos contidos. Terán como principal novidade cambios no baremo do exame de castelán, que dará máis peso á parte de lingua sobre a de literatura e profundará en maior medida na análise e comprensión dos textos.

En total, son máis dunha trintena de materias entre obrigatorias e optativas que, por regra xeral, seguen un esquema moi similar a 2026, con modificacións puntuais que instan os alumnos a "razoar" máis alá de analizar e que aumentan a extensión dos textos.

Estes cambios fanse patentes especialmente na materia de Lingua Castelá e Literatura, a máis afectada polos datos negativos no último informe PISA, onde a comprensión lectora dos alumnos galegos caeu máis de 30 puntos en relación ao anterior informe.

Neste exame, increméntase a puntuación da pregunta de Comprensión e expresión escritas, un comentario de texto que pasará a valer 4 puntos fronte aos 3,5 do anterior exame. Ademais, fronte a dúas preguntas, terá tres, xa que os alumnos deberán, ademais de sintetizar e resumir o texto, indicar cal é o seu tema principal.

A pregunta de Reflexión sobre a lingua tamén pasará de 2,5 a 3 puntos. Pola contra, as preguntas sobre literatura baixan a súa valoración de 4 a 3 puntos.

No caso de Lingua Galega e Literatura, o exame que a CIUG establece para a próxima PAU é case igual ao do ano anterior, aínda que introduce novos apartados no ámbito de comunicación e pide aos alumnos un resumo do texto proposto algo máis extenso que en edicións anteriores.

En relación ao resto dos exames, as variacións son mínimas, mesmo en casos como o de Historia de España, que foi foco da polémica da PAU deste ano por problemas de formulación nas preguntas. O que si se detecta é un aumento do tamaño dos textos para analizar, como no caso de Historia da Filosofía, e da indicación aos alumnos a que "razoen" as súas respostas, alén de calculalas, como sucede co exame de Matemáticas II.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade