A Torre de Hércules permanecerá pechada ao público ata xuño por obras de mellora
Vaise mellorar a accesibilidade e tamén a iluminación do faro romano
A Xunta e o concello investirán 1.200.000 euros na maior actuación de renovación deste espazo dos últimos anos
Na Coruña comezan as obras de mellora da Torre de Hércules. Desde este luns o monumento permanecerá pechado ás visitas do público en xeral e limitado ás reservas que están confirmadas. Esta restrición de visitas manterase ata o próximo mes de xuño, xa ás portas da campaña de verán.
As obras permitirán mellorar a accesibilidade na zona arqueolóxica, situada nos baixos da torre. Por primeira vez desde 1992 faranse novas escavacións no perímetro exterior da base do monumento.
A edificación tamén será obxecto dun lavado de cara con nova iluminación e a mellora da terraza, un dos elementos máis visitados polos turistas despois de subir as escaleiros do faro.
En total investiranse nestes traballos máis de 1.200.000 euros, que achegan a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña. Será unha das maiores actuacións de renovación dos últimos anos.