Cando pode un negocio reclamar perdas por obras na contorna?
O avogado Fernando Caride dá a clave para solicitar unha indemnización: demostrar que a caída de vendas é consecuencia directa das obras
Cada vez que aparece unha estada nunha rúa chegan tamén as molestias. Para os viandantes, para a intimidade dos veciños e tamén para os negocios dos baixos.
“Non hai case espazo para pasar cunha cadeira, a xente acaba indo pola beirarrúa de en fronte e eu quedo mirando como pasan de longo", alega unha tendeira afectada.
A comerciante lamenta que agora mesmo leva facturado a metade que o ano pasado e pregúntase quen se fai cargo desa situación, porque ela ten que seguir pagando un alugueiro.
Como ela, moitos comerciantes aseguran que durante as obras perden visibilidade, clientes e cartos. Pero cando poden reclamarse esas perdas?
“É denunciable todo, pero o máis importante e o que hai que acreditar é que, entre o acto ou omisión que se lle atribúe como dano, exista unha relación de causalidade directa. Sen esa acreditación de causalidade, rómpese a presunción de que o dano é consecuencia do acto”, di o avogado Fernadno Caride.
"O feito de que unha reclamación non prospere non quere dicir que non existan moitos supostos nos que si se logre acreditar esa relación causal e, como consecuencia, o dereito a ser indemnizado", asegura Caride.
Ao final, todo depende das probas, de demostrar se esas perdas veñen realmente das obras ou doutras circunstancias do negocio.