O incremento da presenza de peixe sapo lusitano na área de Redondela ameaza a poboación de choco
Esta especie, propia de augas atlánticas africanas, está xa asentada na costa galega
A diario entran nas redes dos mariñeiros de Redondela que andan ao choco unha media de 15-20 exemplares de peixe sapo lusitano. É unha especie de augas atlánticas africanas, pero desde hai uns anos estase asentando na costa galega.
Segundo explica Beatriz Crespo, bióloga da confraría de pescadores San Xoán de Redondela, comezaron a avistarse no 2018 e agora a poboación aumentou, o que lles preocupa aos mariñeiros de Redondela. Din que supón unha ameaza para o choco.
Malia que se alimenta de crustáceos e moluscos, o choco tamén está na súa dieta e o que non comen déixano marcado e teñen que desbotalo, como relata Ruben Crespo, un dos mariñeiros da confraría.
Hai en marcha un estudo que podería determinar o impacto real do aumento da presenza de peixe sapo lusitano na poboación do choco. O que non barallan polo momento é a posibilidade de comercializar esta especie polo seu escaso valor comercial e gastronómico.