Xunta e Concello de Quiroga repararán a estrada afectada tras unha derruba que illou 4 aldeas
Executáronse unhas obras de urxencia para que os arredor de vinte veciños que hai en total non quedasen illados
O Concello fixo obras de emerxencia para restablecer a circulación pola estrada afectada, de titularidade municipal, e a Xunta comprometeuse a colaborar na reparación. Ademais do treito que se afundiu a semana pasada, hai outros que precisan unha intervención urxente.
Técnicos de Tragsa estiveron percorrendo durante a mañá deste martes os 11 quilómetros entre Paradaseca e Vilarmel para avaliar a situación.
A Xunta colaborará co Concello na reparación, segundo lles avanzou o delegado provincial.
"Estamos a disposición entre todos, pero a parte máis importante ten que arranxala a Xunta porque os arranxos son moi importantes e tampouco dispoñemos de recursos como para executar nós obrs destas dimensións", asegura José Luis Rivera, alcalde de Quiroga.
A aldea máis próxima ao punto do afundimento é Paradapiñol, pero hai outras tres máis alá: Rugando, Vilarmel e Cereixido.
O Concello, titular da estrada, fixo unhas obras de urxencia para que os arredor de vinte veciños que hai en total, incluída unha casa de turismo rural, non quedasen illados.
"Por aqui vaise ao médico, ao supermercado e a todos os lados. Temos présa de que nos arranxen a estrada, xa están facendo algo", comenta un veciño.
"Trátase de que poidan ter os servizos básicos, de que pase unha ambulancia, de que poidan ir ao médico ou mercar o pan", explica Luis Manuel Arias, concelleiro responsable de Protección Civil.
Ademais do treito que se afundiu a semana pasada, hai outros en risco de derrubamento que tamén van reparar.
"Este treito está a piques de caer tamén. Basta que pase alguén", engade outro veciño.
A situación do mal estado da vía ven derivada dos graves incendios do verán pasado e do arrastre das treboadas.