Conta atrás para vivir a primeira eclipse total de Sol en Galicia en 114 anos
O 17 de abril de 1912, Galicia escureceu en pleno mediodía por uns breves segundos
En palabras do astrónomo José Ángel Docobo, esta será "a eclipse das nosas vidas", que non se repetirá en máis dun século
A eclipse poderá verse totalmente na maioría da provincia da Coruña, toda a de Lugo e algúns puntos de Ourense
Hai 114 anos, o 17 de abril de 1912, Galicia escureceu en pleno mediodía por uns breves segundos. O fenómeno puido verse na zona de Valdeorras (Ourense) e constitúe o antecedente máis próximo ao que este mércores será, en palabras do astrónomo José Ángel Docobo, "a eclipse das nosas vidas", a eclipse solar total que cruzará de forma completa a metade da comunidade e que non se repetirá en máis dun século.
Aínda que en 1912 o fenómeno que puido verse en Galicia foi similar a unha eclipse total, naquela ocasión non o foi. Para saber da última eclipse total real que atravesou a comunidade, nunha franxa moi similar ao deste ano, hai que remontarse un pouco máis, ao 30 de agosto de 1905.
A eclipse solar total do 30 de agosto de 1905, que cruzou a Península Ibérica ao mediodía, foi un dos acontecementos científicos e sociais máis impactantes do inicio do século XX.
En Galicia, o fenómeno entrou polo norte e noroeste, nunha distribución moi similar á do deste mércores pero cun carácter máis estendido: a fase total rozou os tres minutos e medio de escuridade total sobre a comunidade.
Uns anos máis tarde, e só dous días despois do afundimento do Titanic, o 17 de abril de 1912, a zona de Valdeorras volvería ser testemuña dunha eclipse, neste caso híbrida. A diferenza entre ambos os fenómenos radicou en que, mentres que a de 1905 foi unha eclipse total (a posición da Lúa faina máis grande en perspectiva que o Sol, polo que o cobre por completo), a de 1917 foi na súa maioría anular (coa Lúa máis afastada da terra, polo que non cobre a totalidade do disco solar, se non que deixa un anel de luz).
Esta última eclipse foi híbrida, así mesmo, porque na zona de máxima proximidade da Lúa, como foi o caso de Valdeorras, a deformación da atmosfera fixo que a lúa chegase a cubrir xusto o 100 % do sol durante uns breves segundos.
A franxa de totalidade desta eclipse abarcou unicamente uns quilómetros. Ao coincidir o tamaño de ambos os astros, os observadores puideron entón ver un fenómeno curioso: as famosas perlas de Baily, que non son máis que puntos de luz do bordo solar filtados polas irregularidades na superficie lunar.
Un século de espera
Este 12 de agosto, tras máis dun século de espera, a franxa de totalidade volverá cubrir diagonalmente Galicia. A eclipse poderá verse totalmente na maioría da provincia da Coruña, toda a de Lugo e algúns puntos de Ourense.
No resto da comunidade, a visibilidade será superior ao 90 %. O fenómeno arrincará arredor das 19:30 horas -dependendo da zona de Galicia- e concluirá ás 21:20 horas. O momento de máximo escurecemento será sobre as 20:30 horas, cando o Sol estará a uns 12 graos sobre o horizonte, é dicir, preto do atardecer.
A franxa de totalidade dunha eclipse solar non se volverá repetir sobre solo galego ata dentro de máis dun século. Aínda así, nos anos 2027 e 2028 haberá novas eclipses en España, e as súas franxas de totalidade/anularidade cruzarán principalmente o sur e levante, véndose en Galicia unicamente de forma parcial.