Lorenzana: "O que non sexa viable ambientalmente non se vai explotar"
A conselleira de Economía fai un chamamento á tranquilidade e asegura que a explotación das minas de Corcoesto, San Finx e Santa Comba farase con todas as garantías ambientais
María Jesús Lorenzana defende a necesidade de flexibilizar os procedementos e habilitar espazos ás empresas que queiran instalarse en Galicia
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegura que o o plan mineiro da Xunta para a explotación dos materiais críticos das minas de ouro, volframio e estaño de Corcoesto, San Finx e Santa Comba conta con todas as garantías ambientais.
O Goberno galego prevé sacar a concurso a concesión de novos dereitos mineiros sobre estas explotacións, cuxo período de actividade xa caducou, e que son obxecto de polémica polas súas implicacións ambientais.
Nunha entrevista no 'Bos días' da TVG, Lorenzana insiste na necesidade de aproveitar "o potencial de recursos naturais" que existe na nosa comunidade, que posúe 18 dos 34 materiales considerados críticos pola Unión Europea.
A titular de Economía e Industria do Goberno galego entende as reservas das asociacións ecoloxistas pero afirma qe "a día de hoxe non é pensable que un proxecto mineiro se poda levar a cabo sen a garantías ambienais correspondentes". Por iso, lanza unha mensaxe de tranquilidade: "O que non se poda exploar porque non sexa viable, non se vai explotar".
O plan mineiro da Xunta, presentado hai unha semana no Parlamento, obriga as empresas interesadas en explotar estes recursos que presenten un plan social.
"Os promotores que queiran vir a Galicia teñen que ter claras as condicións. Parte dos beneficios do proxecto teñen que ir destinados a un plan social con medidas cuantificables que beneficien a poboación.
Non se trata de dar esmolas ou dun patrocinio a equipos de futbol. Trátase de cambiar a vida da xente".
12 millóns de metros cadrados de solo industrial para os vindeiros catro anos
Na entrevista, a conselleira referiuse á decisión da Xunta de habilitar 12 millóns de metros cadrados de solo industrial de aquí a 2030. O Goberno galego investirá 440 millóns de euros para "atraer e ampliar empresas instaladas na comunidade".
As primeiras parcelas das 353 previstas instalaranse nos polígonos de Morás (Arteixo), As Gándaras (Lugo) ou Xinzo de Limia.
O Goberno galego contempla bonificacións, de ata un 50 % para os polígonos situados nas provincias de Lugo e Ourense, as menos desenvolvidas, e hai tamén previstos mecanismos para evitar o acaparamento de parcelas por parte de investidores que despois non se dedican a uso industrial.
Trátase, segundo Lorenzana, de "flexibilizar e axilizar os procedementos o máximo posible para que cando o empresario queira investir en Galicia poida facelo".