As obras da senda ao Milladoiro obrigan a cortar varios ramais en Santiago
O corte afecta a ligazón da AG-56 coa SC-20 e a AP-9 en sentido Compostela
A montaxe de dúas novas pasarelas nas obras da senda peonil O Milladoiro-Intermodal fará necesario cortar o tráfico este martes, 19 de maio, na ligazón da AG/AG-56 coa SC-20 e a AP-9 en sentido Santiago.
Segundo informa a Xunta nun comunicado, colocaranse dúas pasarelas no punto quilométrico 1+500 da nova senda, despois da instalación realizada o pasado mes de marzo da primeira pasarela neste tramo, nese caso á altura do punto quilométrico 1+390.
As tres pasarelas son idénticas e están realizadas con madeira. Cada unha delas mide 32 metros de lonxitude e pesa 22 toneladas.
As pasarelas veñen xa montadas e ízanse con dous guindastres polo que o obxectivo é deixalas colocadas nun só día. A previsión inicial é que a afección ao tráfico se limite á xornada deste martes, en horario diúrno, entre as 9:00 e as 20:00 horas.
Os ramais que permanecerán pechados durante ese período serán os seguintes: ramal 72, saída da AG/AG-56 e incorporación á SC-20 en sentido Santiago (punto quilométrico 72+000 a 72+400); ramal 70, incorporación á AG/AG-56 desde a SC-20 en sentido Santiago (quilómetro 70+000 a 70+400); ramal 71, incorporación á AG/AG-56 desde a SC-20 en sentido Santiago (quilómetro 71+000 a 71+900).
Durante o tempo que duren estas restricións habilitaranse itinerarios alternativos para facilitar a mobilidade do tráfico.