O Senado insta o Goberno a instalar un sistema de balizamento láser que mellore a visibilidade no Fiouco, na A-8
O Senado insta o Goberno a instalar un sistema de balizamento láser que mellore a visibilidade no Fiouco, na A-8
A iniciativa tamén pide ampliar a zona na que están instaladas as balizas antinéboa
O Senado instou o Goberno central a instalar "de forma inmediata" un sistema de balizamento láser, pola néboa, no tramo do alto do Fiouco, entre Abadín e Mondoñedo, na Autovía do Cantábrico (A-8).
Esta proposta do PP saíu adiante na Comisión de Transportes do Senado celebrada esta tarde de luns, cunha emenda do BNG (Grupo Plural) que apoiou a moción.
O PSOE abstívose despois de non aceptarse a súa emenda.
A iniciativa reclama máis medidas de seguridade
A iniciativa tamén pide, de forma complementaria, ampliar a zona na que están instaladas as balizas antinéboa que permiten guiar os condutores en momentos de fenómenos de meteoroloxía adversa.
Igualmente, demanda reforzar os sistemas de control das condicións meteorolóxicas na A-8, "de tal maneira que se incremente a capacidade de detectar bancos de néboa especialmente intensos ou que xeran baixa visibilidade, aínda que se produzan en tramos máis reducidos".
Ademais, require "cantas medidas sexan necesarias para garantir a circulación" con seguridade.
Así mesmo, o PP, grupo maioritario na Cámara, aceptou unha emenda do BNG para que, mentres non se acometan as melloras na A-8, se estableza un terceiro carril na N-634 no tramo que funciona como alternativa ao peche do Fiouco.
O PP critica os atrasos do Goberno
Durante o debate, o senador popular José Manuel Balseiro advertiu que non se pode "normalizar" que esta autovía sexa "de segunda" e atribúe a unha inacción do Goberno que non se puxese en marcha o balizamento láser que leva anos comprometido.
Aínda que valora que é "certo" que se reduciron as horas de peche nos últimos anos polas medidas tomadas, xa que as actuais balizas antinéboa "axudaron", sostén que "son medidas parciais e insuficientes", polo que a "sensación de perigo segue sendo enorme cando aparece a néboa".
"O problema é que o Goberno de Pedro Sánchez leva anos atrasando unha actuación urxente", censurou Balseiro.
Apunta que os radares na A-8 son os que "máis multas recadan de Galicia e de España", con máis dun millón ao ano, pero di que non se inviste en seguridade.
"Os atrasos empezan a parecer unha falta de respecto", criticou Balseiro.
O PSOE recoñece o atraso do sistema láser
A esta moción presentou unha emenda o PSOE na que pedía axilizar a actuación, que non foi aceptada polos populares ao cualificala de "tomadura de pelo".
O senador socialista César Mogo recoñeceu que "é verdade que leva atraso" o sistema láser, aínda que defendeu que "todas" as medidas de seguridade foron implantadas polo actual Goberno socialista, que leva un 80% das actuacións comprometidas.
A senadora do Bloque Carme da Silva coincidiu en que "é necesario poñerlle solución" a esta problemática, en vez de medidas "parciais", xa que o Goberno xa falaba do balizamento láser en outubro de 2024.