Cae un treito da muralla de Lugo tras varios días de chuvia persistente
O desprendemento afectoulle a uns seis metros de longo na cara interna do monumento romano
Trátase dunha parte restaurada no século XIX que caeu sen causar danos persoais ás 23:30 horas
A muralla romana de Lugo sufriu un derrubamento esta noite na zona interior do monumento, na rúa do Moucho, entre as portas do Carme e de Santiago, nunha parte restaurada no século XIX.
O desprendemento afectoulle a un treito duns seis metros de longo, que xa foi acordoado pola Policía Local. Por sorte, non hai persoas feridas porque ninguén pasaba pola zona no momento no que se produciu a caída de pedras, ao fío das 23:30 horas.
Non é a primeira vez que o monumento, declarado Patrimonio da Humanidade, sofre danos por mor dos temporais. En 2002, as chuvias tamén estiveran detrás doutro desprendemento. Daquela, caeran uns dous metros cadrados da parede exterior da muralla.
O alcalde da cidade, Miguel Fernández, foi o primeiro en achegarse ata o lugar. Segundo dixo, trátase dunha incidencia puntual posiblemente condicionada polas choivas dos últimos días.
"Parece ser, como todos podemos sospeitar, que é debido á meteoroloxía", afirmou.
Asegurou que tomaron medidas de seguridade nada máis coñecer o ocorrido e púxose ao dispor da Xunta, que posúe as competencias en materia de patrimonio.
Valado para indicar o derrubamento
Derrubas máis "habituais" en zonas restauradas
O arqueólogo municipal, Enrique Gónzalez, que se desprazou ata a zona xunto co alcalde, indicou que os derrubamentos son máis "habituais" en zonas reformadas como esta, onde afecta máis a filtración da auga porque o recheo interior é de pedra e entullo.
"Loxicamente é moita auga a que leva caído nestes días e, ata certo punto, enténdaseme ben, é normal porque non é a parte orixinal romana. Esa, como está concibida, é moi difícil que caia", constatou.
O especialista municipal lembrou que existe un plan director que avalía toda a muralla para supervisar a seguridade do monumento e que se testa diariamente.
"A muralla está ben estudada e controlada, o que permitiu detectar todas as zonas reformadas", engadiu.