Investigan a morte dunha muller que caeu de cabeza da muralla de Lugo
A vítima, de 42 anos, faleceu na ambulancia camiño do hospital
A Policía Nacional descarta a implicación de terceiras persoas
A Policía Nacional de Lugo investiga o falecemento dunha muller de 42 anos e nacionalidade húngara tras caer de cabeza da muralla romana na madrugada deste domingo.
Segundo confirmou a voceira do corpo, un viandante alertou sobre as 6:00 horas da presenza da vítima malferida no treito que hai entre as portas do Carme e de Santiago, á altura do pub Lume.
A muller, residente en Lugo, morreu na ambulancia camiño do hospital por mor da gravidade da lesión que presentaba na testa.
As forzas de seguridade abriron dilixencias para determinar se foi un accidente ou un feito autolítico e descartan a implicación de terceiras persoas.