Inicio de agosto tráxico nas estradas galegas con catro falecidos en cinco días
Son dous mortos menos ca en todo o mes de xullo
Tráfico recomenda extremar a precaución ao volante
Agosto comezou da peor forma posible no que accidentes mortais de tráfico se refire. En tan só cinco días faleceron catro persoas nas estradas galegas, dúas menos que en todo o mes de xullo.
A primeira vítima mortal foi un mozo de Carballo de 19 anos que morreu o sábado nun accidente de moto. Foi na estrada que vai de Cabana de Bergantiños a Laxe. Bateu contra unha papeleira tras perder o control do vehículo. Os servizos de emerxencia non puideron facer nada por salvarlle a vida.
O mércores houbo que lamentar outros dous sinistros mortais. O primeiro tivo lugar pouco antes das cinco da mañá na avenida de Cornazo en Vilagarcía de Arousa. Dous coches bateron frontolateralmente tras invadir un deles o carril contrario.
O condutor dun dos vehículos, un veciño de Vilagarcía de 39 anos, tivo que ser liberado polos servizos de Emerxencias. Pouco despois falecía no hospital do Salnés debido á gravidade das feridas. O outro condutor fuxiu do lugar do sinistro, pero horas despois entregábase nas dependencias da Garda Civil de Cambados. Abriuse unha investigación contra el por un presunto delito de homicidio imprudente e abandono do lugar do sinistro.
O último accidente deste agosto tráxico aconteceu contra as cinco menos vinte da tarde do mércores na A-6, á altura dun dos enlaces de entrada a Lugo. Unha furgoneta que transportaba material inflamable alcanzou por detrás un vehículo de mantemento que estaba na beiravía. Como consecuencia do sinistro produciuse un incendio en que faleceron os dous ocupantes da furgoneta. O condutor do outro vehículo saíu ileso.
Dende a DXT recomendan precaución ao volante. Lembren que o importante é chegar.