Evacuado un mozo de 25 anos tras ser atropelado polo seu tractor en Carballo
Ás 11:40 horas un particular deu o aviso ao 112 Galicia, segundo indicaba, a vítima atopábase inconsciente e atrapada baixo o vehículo
Imaxe cedida por Protección Civil de Carballo
Un mozo de 25 anos quedou atrapado debaixo dun vehículo agrícola despois de que este se desprazase accidentalmente nunha leira privada situada en Cances, Carballo.
Ás 11:40 horas un particular deu o aviso ao 112 Galicia, quen alertaba de que un rapaz fora atropelado por un tractor nunha finca privada da parroquia de Cances, no concello de Carballo. Segundo indicaba, a vítima atopábase inconsciente e atrapada baixo o vehículo.
Solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que decidiu mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela. Así mesmo, informouse aos Bombeiros de Carballo, á Policía Local, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil.
O accidente produciuse cando o condutor do tractor agrícola descendeu do vehículo sen inmobilizalo previamente. Nese momento, o tractor comezou a desprazarse e acabou atropelando ao propio condutor, que quedou atrapado debaixo del.
Á chegada dos Bombeiros de Carballo, o rapaz xa fora liberado. Posteriormente, foi atendido polo persoal sanitario e evacuado no helicóptero medicalizado ao centro hospitalario de referencia.