Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan un home de 25 anos polo accidente mortal en Vilagarcía

Investigan un home de 25 anos polo accidente mortal en Vilagarcía

O home presentouse horas despois do sinistro no cuartel da Garda Civil de Cambados na compaña do seu avogado

Os servizos de emerxencias, á súa chegada ao lugar dos feitos, descubriron que un dos condutores estaba atrapado, mentres que o outro, presuntamente, fuxira

O falecido é un veciño de Vilagarcía de 39 anos

EFE/Sxenick/Bombeiros de Vilagarcía
G24.gal 05/08/2026 09:15 Última actualización 05/08/2026 14:36

Un home de vinte e cinco anos está a ser investigado pola Garda Civil polo accidente mortal que se rexistrou este mércores de madrugada en Vilagarcía de Arousa.

Os axentes do GIAT (Grupo de Investigación de Accidentes de Tráfico) da Garda Civil de Pontevedra investigan este home, veciño dese mesmo municipio, como presunto autor dun delito de homicidio imprudente e outro de abandono do lugar do accidente, informou o instituto armado.

A mesma fonte precisou que o mozo se presentou no acuartelamento de Cambados xunto co seu avogado tras coñecer que estaba plenamente identificado e buscado polos axentes.

O fuxido podería enfrontarse a unha pena de cárcere de ata oito anos por homicidio imprudente, abandono do lugar do accidente e omisión do deber de socorro.

A Garda Civil precisou que a vítima mortal tiña 39 anos e residía en Vilagarcía de Arousa.

Os veciños alertaron o 112

Julia Rodríguez Torís aínda ten o medo no corpo. Di que escoitou un golpe tan forte que pensou que lle caía a casa enriba.

Tratábase de dous coches que chocaron frontalmente na avenida de Cornazo en Vilagarcía de Arousa e un deles acabou espetado contra o peche perimetral da súa vivenda. Os veciños da zona alertaron o 112 de que no interior dun dos vehículos había unha persoa atrapada, polo que procederon a mobilizar o 061, emerxencias e os bombeiros de Vilagarcía.

Pablo Oubiña, cabo do Consorcio de Bombeiros de Vilagarcía de Arousa, di que cando chegaron viron que había unha persoas atrapada polo que procederon á súa excarceración e que posteriormente fíxose cargo do ferido o 061.

Alén Pérez, de Protección Civil e Emerxencias de Vilagarcía de Arousa, engade que a vítima estaba moi grave e que a liberación foi moi complicada, xa que estiveron preto de vinte e cinco minutos intentando sacar a vítima do interior do vehículo.

Unha vez liberado, o 061 estabilizou a vítima e trasladouna ao Hospital do Salnés, onde faleceu a causa da gravidade das feridas. O ocupante do outro vehículo fuxiu. A Garda Civil abriu unha investigación para determinar as causas do accidente e para intentar dar con el. Cren que tivo axuda doutra persoa para abandonar o lugar do sinistro.

Javier Mosquera, tenente da Unidade de Investigación Viaria de Pontevedra, lembra que hai un falecido e outra persoa fuxida que podería estar ferida pola magnitude do sinistro. Asegura que o vehículo está a nome dunha muller pero que non pode dar máis información porque hai unha investigación aberta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade