Ferido grave un condutor no Porriño tras sairse da estrada e bater contra un muro
Os bombeiros tiveron que excarcerar o único ocupante do vehículo
Estado no que quedou o coche accidentado. Garda Civil
Un condutor resultou ferido grave este venres tras saírse da vía co seu coche no Porriño e chocar contra un muro dunha vivenda e un poste de iluminación.
Segundo os datos achegados polo CIAE 112 e pola Garda Civil, o accidente aconteceu ás 17.30 horas no quilómetro 653 da N-120, á altura de Santo Estevo en Cans.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias-061, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local do Porriño e dos bombeiros do Porriño, que tiveron que excarcerar ao condutor (e único ocupante), xa que estaba atrapado no interior do coche.
Así mesmo, acudiron ao momento membros de Protección Civil e persoal de mantemento da vía. O condutor ferido foi trasladado ao hospital en ambulancia.