Publicador de contidos

Publicador de contidos

Con 97 anos asume exercer como sancristán da súa parroquia por falla de voluntarios

Con 97 anos asume exercer como sancristán da súa parroquia por falla de voluntarios

Juan Vázquez, veciño de Poulo, no concello de Gomesende, mantén unha actividade fóra do común pese a súa idade

Xastre de profesión, segue visitando aos clientes que lle confían algúns arranxos

Renova sen problemas o carné de conducir cada ano

G24.gal 18/09/2026 21:23

Un home de Gomesende de 97 anos é o sancristán da súa igrexa parroquial. Todo un exemplo de envellecemento activo nunha persoa que pese á súa idade, mantén unha forma física e mental envexable.

"Nacín no ano 1928, o 15 de decembro. Así que, o vindeiro 15 de decembro, se chego alá, cumpro 98 anos", cunha presentación así de enérxica pouco máis cabe dicir da forza vital deste veciño de Poulo, en Gomesende, que dende hai cinco anos asume, por falla de voluntarios, as tarefas propias de sancristán da parroquia.

"Eu vía que estaba así a cousa (sen ninguén que asumira o  cargo), así que díxenlle ao cura: mire D. José Ramón, vou dedicarme eu a facer o traballo de sancristán, incluso de balde", relata animoso Juan Vázquez Dacal. 

Non falla a un oficio relixioso nin delega noutros aquelas funcións que requiren un maior esforzo físico. Ao longo de case un século de vida, pasou por numerosas ocupacións aínda que foi a de xastre a que máis tempo lle dedicou.

"Non parei de traballar nunca, dun xeito ou doutro. Aínda visito os clientes que teño nos pobos da contorna, porque me traen uns zapatos, un pantalón ou unha camisa...", asegura Juan, quen segue cosendo nunha vella máquina aos seus 97 anos.

Comparte con súa esposa, doce anos máis nova, os traballos dunha casa no rural. Fai viño e atende a horta. E gusta de lucir un aspecto xuvenil. "Sempre levei gorra, e as veces tamén sombreiro", di fachendoso.

E mantén en bo estado todas as facultades que lle permiten renovar cada ano o carné de conducir.

"Cando me chegou o certificado de Tráfico, para miña sorpresa, puña que me renovaban o carné por 5 anos. Claro, era un erro que eles tiveron", conta entre sorrisos o condutor nonaxenario.

Un erro se cadra moi comprensible porque a vitalidade deste home é realmente difícil de crer.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade