O dono de Novocine Leiro posúe a maior colección de gramófonos de Galicia
Comezou a afección de mozo, cando mercou o primeiro por 700 pesetas, chegou a ter máis de 200, a metade deles seguen funcionando
A mostra está ubicada enriba da sala de cine de Leiro, e é visitable de balde as fins de semana
Coñecémos a Ernesto Romero por ser un romántico do cinema e manter aberta unha das poucas salas de proxección no rural galego, no concello de Leiro. Ademais é un apaixonado coleccionista e posúe a maior mostra de gramófonos do país.
Nos andares superiores da sala de proxección do Novocinema Leiro, Ernesto garda o seu maior tesouro. Entrar no faiado é coma unha viaxe no tempo, aos comezos do cinema sonoro. Comezou a interesarse polos gramófonos de mozo dos que lle falou súa nai, emigrada en Cuba.
Chegou a xuntar uns 200 aparellos, agora ten un cento funcionando. Os máis antigos teñen máis de 120 anos, proceden de Cuba, os Estados Unidos e Europa. Colecciona, repara e vende. Mesmo grava discos en vinilos improvisados.
Ten tamén unha importante colección de 3.500 discos, sobre todo antigos.
Neste pequeno santuario da sétima arte hai de case todo, agullas de gramófonos, carteis de películas, fotografías, proxectores e pezas curiosas como visores en tres dimensións de máis de máis dun século. E nunca deixa de soar a pianola coa que ameniza as visitas ao museo.