Colecciona máis de dúas mil miniaturas de Eduardo Barreiros
A figura de Eduardo Barreiros, o ourensán que liderou o sector da automoción na España do século XX, segue levantando paixóns
Un dos seus grandes admiradores, o ourensán Alfonso Vázquez, recompilou máis de dúas mil miniaturas dos vehículos fabricados polo que chamaban Henry Ford español
A última, un basculante de xoguete, atopouna hai uns días nunha feira de Medina del Campo
"Un volquetón Barreiros da casa de xoguetes Payá. Cando eu era pequeno, todos os nenos queriamos ter este camión".
É a última adquisición de Alfonso Vázquez. Atopouno nunha feira en Medina del Campo. Súmase aos arredor de dous mil obxectos da súa nutrida colección de Eduardo Barreiros.
Unha afección que lle vén desde pequeno, cando se cruzaban con el na rúa ourensá do Paseo e que se cimenta na admiración que sente polo empresario coñecido como o Henry Ford español.
"Tractores, autobuses, motores de barcos, carretas elevadoras... un tinglado espectacular. E todo o fixo un paisano noso, de aquí de Ourense. Eu ás veces soño que estou na fábrica, como facía el", explica sobre Barreiros.
No bar, a xeito de museo, expón só unha pequena parte do seu tesouro, inabarcable para tan reducido espazo. E iso que aínda lle faltan cousas. "Fáltame o 270, o primeiro modelo, en grande, que en pequeno xa o teño".
Iso si, non dubida de que o acabará atopando.