Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arcebispado de Santiago, Cáritas e arquitectos estudan transformar casas da Igrexa en vivendas de emerxencia

Arcebispado de Santiago, Cáritas e arquitectos estudan transformar casas da Igrexa en vivendas de emerxencia

O convenio permitirá avaliar a reutilización social de parte das case 800 casas reitorais existentes na Arquidiocese de Santiago

O obxectivo, poñelas ao servizo de proxectos de vivenda de emerxencia, aloxamento temporal e inclusión social

O arcebispo de Santiago e os responsables de Cáritas e COAG, na sinatura do acordo (CÁRITAS/COAG) O arcebispo de Santiago e os responsables de Cáritas e COAG, na sinatura do acordo (CÁRITAS/COAG)
G24.gal 14/10/2026 15:46

 O Arcebispado de Santiago, Cáritas Diocesana e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) asinaron este mércores un acordo para desenvolver un programa conxunto destinado a identificar, rehabilitar e poñer en uso inmobles de titularidade eclesiástica susceptibles de converterse en recursos residenciais para persoas e familias en situación de vulnerabilidade.

O acordo, subscribido polo arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto Fernández; a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas Abadía; e o decano do COAG, Luciano G. Alfaya, establece un marco estable de cooperación para mobilizar patrimonio residencial da Igrexa e poñelo ao servizo de proxectos de vivenda de emerxencia, aloxamento temporal e inclusión social.

A iniciativa, tal e como sinalaron as entidades impulsoras, aspira a ofrecer respostas concretas a un dos principais desafíos sociais de Galicia, o acceso a unha vivenda digna. Para iso, as tres entidades combinarán a función social do patrimonio eclesiástico, a experiencia de acompañamento de Cáritas e o coñecemento técnico dos profesionais da arquitectura.

Así as cousas, o convenio permitirá analizar o potencial das aproximadamente 800 casas reitorais existentes no territorio da Arquidiócese de Santiago, unha parte significativa das preto de 4.000 que existen en Galicia, co obxectivo de identificar aqueles inmobles que, polas súas características e localización, poidan ser rehabilitados e destinados a programas residenciais de carácter social.

Alianza entre patrimonio, solidariedade e arquitectura

Durante o acto de firma, o arcebispo de Santiago destacou que a iniciativa constitúe unha forma de poñer o patrimonio da Igrexa ao servizo das persoas que atravesan situacións de dificultade.

"A Igrexa quere poñer os seus recursos ao servizo das persoas e familias que máis o necesitan. Este convenio permítenos dar unha nova vida a inmobles que forman parte do noso patrimonio para convertelos en espazos de acollida, esperanza e acompañamento. Trátase dunha forma concreta de responder a necesidades reais e de contribuír a que máis persoas poidan recuperar estabilidade e dignidade a través dun fogar", indicou.

Pola súa banda, Pilar Farjas subliñou a importancia que ten a vivenda para calquera proceso de inclusión social.

"O acceso a unha vivenda digna é unha clave para calquera proceso de inclusión social. Grazas a esta alianza séntanse as bases para ampliar recursos e ofrecer novas oportunidades a persoas e familias con dificultades para acceder a unha vivenda. Contar con máis espazos de aloxamento significa reforzar a nosa capacidade de acompañamento e resposta ante situacións de vulnerabilidade", manifestou.

Do mesmo xeito, Luciano G. Alfaya puxo en valor a dimensión social da arquitectura como ferramenta de transformación.

"Hai dúas cousas fundamentais, contribuír en todos os niveis que poidamos a un problema da vivenda en xeral, e este é un mecanismo máis no que o Colexio participa desde unha visión técnica, dunha visión do coñecemento e da experiencia. E, neste caso, a maiores, a posta en valor do patrimonio, a recuperación do territorio rural", apuntou.

Entre as primeiras actuacións previstas figura a elaboración dun Plan Director de Vivenda Social en Patrimonio Eclesiástico da Arquidiocese de Santiago, que permitirá actualizar o inventario de casas reitorais realizado conxuntamente pola Xunta de Galicia e o COAG entre os anos 1991 e 1993.

Captación de financiamento

Entre outras cuestións, as tres entidades colaborarán ademais na captación de financiamento que permita facer viables as actuacións de rehabilitación e posta en uso dos inmobles seleccionados.

A iniciativa apóiase na experiencia acumulada por Cáritas Diocesana de Santiago na xestión de recursos de aloxamento para persoas en situación de vulnerabilidade. Actualmente, a entidade dispón dunha rede formada por 40 vivendas destinadas a fins sociais, con aproximadamente 240 prazas de aloxamento, distribuídas en distintos municipios de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade