Publicador de contidos

Publicador de contidos

O arquitecto Celestino García Braña: novo presidente da Real Academia Galega de Belas Artes

O arquitecto Celestino García Braña: novo presidente da Real Academia Galega de Belas Artes

García Braña ten como obxectivo reforzar a presenza da Academia na sociedade galega, por exemplo, coa creación dun ‘Banco de Coñecemento’ de consulta dixital aberta

G24.gal 28/11/2026 15:42

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou este sábado unha sesión extraordinaria na que resultou elixido como novo presidente da corporación Celestino García Braña, académico de número da sección de Arquitectura.

Celestino García Braña sinala que a Academia, neste segundo terzo do século XXI, debe ser unha institución que “conserve a memoria e produza pensamento, identificando os problemas culturais emerxentes, analizando con serenidade e ofrecendo propostas fundamentadas no contexto da Galicia dun século xa avanzado”. E para facelo, apunta a que será preciso “tempo, reflexión e vontade de traballo compartido”.

Neste mandato, no que exercerá como presidente da Academia ata 2030, García Braña ten como directrices fortalecer a RAGBA como comunidade de coñecemento, reforzando o traballo do plenario e das súas sete seccións e promovendo grupos de traballo sobre temas específicos, así como impulsar a revista Abrente, a publicación anual editada pola Academia que reúne estudos, ensaios e información institucional sobre historia da arte, artes plásticas, arqueoloxía e patrimonio. Igualmente, García Braña ten como obxectivo reforzar a presenza da Academia na sociedade galega, por exemplo, coa creación dun ‘Banco de Coñecemento’ de consulta dixital aberta.

Outra das súas liñas de acción destinarase a pensar e coidar o patrimonio, desde o presente e cara ao futuro, e neste punto a Academia pretende crear o ‘Observatorio Permanente do Patrimonio Artístico Galego’. Ademais, outra prioridade desta nova etapa será atender á arte, á creación e ás súas novidosas transformacións contemporáneas, “cunha reflexión permanente do ecosistema cultural galego, destinando atención ás derivas da intelixencia artificial”.

Por outra parte, Celestino García Braña desenvolverá ao fronte da Academia unha programación cultural “con sentido de país”. Continuarase coa organización das actividades habituais que xa caracterizan ao traballo da RAGBA, como son a celebración do Día das Artes Galegas, que este ano se dedicará á figura da soprano coruñesa María Luisa Nache, cun acto no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 31 de marzo, que estará organizado en colaboración co Concello da Coruña, así como unha importante exposición no Kiosko Alfonso sobre a súa traxectoria.

Tamén continuarán os ‘Martes das Artes’ na sede da Academia, como eixo vertebral cotián da actividade cultural da entidade; así como diferentes concertos ou os ‘Encontros de Mariñán. Residencia de artistas emerxentes’.

A finalidade é, segundo o novo presidente, desenvolver novos programas para xerar coñecemento en colaboración con diferentes institucións e en diversos puntos de Galicia. Tamén outro punto fundamental da nova presidencia será asegurar os recursos cotiáns, mellorar as condicións de funcionamento da sede e a sustentabilidade institucional da Academia.

Así mesmo, nesta mesma xornada celebrouse a sesión ordinaria, onde o pleno académico, tras a votación marcada polos Estatutos da Academia, elixiu como novos académicos numerarios a José Luis Castro de Paz, historiador de cine e catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago, na sección de Artes da Imaxe; ao ceramista, escultor, pintor e docente Xavier Toubes Vilariño, na sección de Escultura; e ao arquitecto Fernando Agrasar Quiroga, na sección de Arquitectura.

Tamén se elixiron aos novos académicos correspondentes: a compositora Cristina Pato; o compositor Octavio Vázquez; e o catedrático emérito de Historia da Arte da Universidade de Sevilla, Gerardo Pérez Calero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade