Os portais emblemáticos, toda unha escenografía do poder
Toda cidade ten os seus, chamando a atención de quen pasa por diante e aínda máis de quen entra neles
Poñamos, por exemplo, Vigo.
"En Vigo vivían dúas sociedades. Unha sociedade que vivía na zona vella, pescando no mar cunha pequena embarcación que era a dorna, subsistindo. E de súpeto chega a sociedade industrial, que empeza coa salgadura e remata coa conserva. Entón esta sociedade o que xera é moitos cartos, moita opulencia, e o que quere facer é presentalo á cidade. Pretendían presentarse e avasalar", conta o arquitecto Ignacio Hortas
Nese sentido, subliña o arquitecto, os portais compoñen toda unha escenografía do poder e os posibles. Unha escenografía con cinco elementos.
"Un era a dobre entrada, entre o público e o privado, que deixaba ese espazo intermedio para que por exemplo os leiteiros deixaran aí o leite", sinala Hortas
Un segundo elemento, as escaleiras, que nalgúns casos poden parecer só de subida.
"O seguinte elemento escenográfico sería a luz que entraba nesa escaleira, nese portal, que sempre é unha luz natural"
"E outro elemento eran os materiais que se empregaban. O que pretendían era continuar esa imaxinería que por fóra tiñamos co granito e por dentro pasaba a ser os mármores, o ferro, os vidros..."
"E despois, ao final , este percorrido a través da escaleira remataba nunha dobre porta, que era a porta de servizo e a porta nobre, máis maxestuosa", destaca o arquitecto
Portas, portais... historias de baixada, de subida e de pasada.