Un novo accidente en Coirós reactiva as queixas pola demora na construción dunha rotonda
Veciños e usuarios cualifican a zona como moi perigosa e cren que a remodelación obrigaría a frear a velocidade e evitaría sinistros
En Coirós, veciños da nacional VI, ao seu paso polo lugar de Queirís, esixen melloras de seguridade viaria para evitar o goteo de sinistros. O último rexistrouse esta mesma semana.
"Foi ás sete e media da mañá e, polo que din, o condutor quedou durmido". "Levou por diante varios sinais".
Un sinistro que tivo lugar un mes despois doutra aparatosa saída de vía.
"Foi a principios de agosto. Non houbo mortes, pero foi bastante".
A veciñanza explica que este treito da nacional VI é moi transitado, sobre todo á primeira hora da mañá, porque son moitos os condutores que van traballar á Coruña por esta vía. E engaden que poucos respectan os sinais.
"Veñen lanzados. E xa non é o primeiro que tira a carga no medio da calzada". "Haberá quince un camión case leva un coche por diante". "E aí, diante do almacén, un coche atropelou unha muller que estaba cruzando e morreu. Xa hai tempo, pero...".
Seguen coas súas queixas e piden, unha vez máis, que se leve a cabo a remodelación desta intersección. Porque din que así, todos os días, temen que haxa un novo accidente.