Publicador de contidos

Publicador de contidos

Soben a case 90 os concellos en alerta por calor e con actividades deportivas suspendidas

Soben a case 90 os concellos en alerta por calor e con actividades deportivas suspendidas

MeteoGalicia activa para o domingo o aviso vermello na conca do Miño e Valdeorras esta fin de semana con zonas que superarán os 42 graos

Os concellos con máis turismo estudan aplicar restricións no consumo de auga

Estes dias de calor abafante buscamos onde refrescarnos, preferimos o río e o mar

G24.gal 08/08/2025 13:04

A situación de alerta por calor estendeuse e xa chega a case noventa municipios galegos, das zonas do Miño en Ourense, e montaña e noroeste desta provincia, así como Valdeorras, interior de Pontevedra e montaña de Lugo, onde a Xunta suspendeu a actividade deportiva federada en exteriores ata as 21 horas deste venres.

Só quedan permitidas as actividades acuáticas, coa recomendación de que non se realicen nas horas centrais do día, entre as doce do mediodía e as cinco da tarde.

No noroeste de Ourense atópanse nesta situación os concellos de Amoeiro, Avión, Beariz, Boborás, O Carballiño, Coles, O Irixo, Maside, A Peroxa, Piñor, San Cristovo de Cea e Vilamarín; e na zona do Miño son A Arnoia, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Toén.

Na montaña de Ourense son O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, Riós, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.

Ademais, nesta provincia están en alerta os municipios do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

En Lugo, a alerta chega aos da montaña: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

Na provincia de Pontevedra, están afectados polas altas temperaturas os do interior: Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Ante esta onda de calor, a Xunta reitera as principais recomendacións para protexerse das altas temperaturas, como beber líquidos e manterse á sombra e lembra que no caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor hai que solicitar axuda médica urxente chamando ao 061. 

A conselleira de Medio Ambiente, e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, salientou o aviso vermello activado por MeteoGalicia en Ourense esta fin de semana, con zonas como o Miño, que comprende a 21 concellos, e Valdeorras, con seis, que superarán os 42 º. Este é o primeiro aviso vermello de MeteoGalicia deste verán, por temperaturas máximas e nunha zona e día concreto, porque se supera o limiar de 42 ºC. Con todo, a conselleira lembrou que xa se deron avisos, dentro deste episodio de calor, desde o 30 de xullo, nalgunhas zonas de Galicia a nivel vermello para saúde pública, por temperaturas altas polo día e pola noite e pola súa duración.

Así mesmo, preguntada polos medios de comunicación este venres pola prealerta decretada ese xoves tras a reunión da Oficina da Seca, a conselleira explicou que aínda que a auga é "abundante", ao estar en pleno mes de agosto, "o consumo é maior, porque se duplica ou triplica a poboación".

"Non vai haber choiva e hai que ser previsores, non estamos en alerta, estamos en prealerta e iso quere dicir que todos debemos de contribuír, concellos, e cidadáns", subliñou. Nesta liña, apelou á cidadanía a que "achegue o seu gran de area" e sexa "solidaria" para poder seguir abrindo a billa "sen necesidade de realizar cortes continuados".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade