Os concellos con máis turismo estudan aplicar restricións no consumo de auga
Alcaldes da Mancomunidade do Salnés non descartan cortes nocturnos se a situación empeora
De Ribadeo, no norte, a Baiona, no sur, a presenza de turistas é notoria. Algúns municipios multiplican por catro a súa poboación durante o verán. Séntese non só nas rúas, senón tamén nas billas. Por exemplo, nos concellos do Salnés nunca se consumira tanta auga como neste xullo. O mes pechou cunha marca histórica: 820 millóns de litros, un 20 % máis que o ano pasado.
A cifra obriga a tomar precaucións de cara a agosto, por ser o mes de máis visitantes. Os alcaldes da Mancomunidade do Salnés reclaman dos cidadáns un uso responsable, pero non descartan medidas máis drásticas se fose necesario, como cortar o servizo polas noites.
A hostalería da zona tamén está comprometida. Leonardo López, director dun hotel de Sanxenxo, explica que, no seu establecemento, levan a cabo "un mantemento continúo das piscinas para evitar renovar toda a auga, e que o rego da zona verde é por dosificación buscando un consumo mínimo". Nota ademais "unha clientela cada vez máis concienciada que pide, por exemplo, que non se lle renoven tan miúdo as toallas para reducir os lavados".
Concellos costeiros empezan a pechar temporalmente duchas de praia. Noutros tamén se prohibe encher piscinas, regar ou baldear rúas.