30 radares sancionan o exceso de velocidade na contorna de Vigo
Esta semana entraron en funcionamento dos novos radares de tramo: un na AP-9, entre Candeán e Puxeiros, e outro na N-550, en Vilaboa
Tres radares situados en distintas vías da comarca son os que máis multan de toda Galicia e están entre os trinta que máis recadan no Estado
Se circulan en coche polas estradas de Vigo e a súa área de influencia xa notarían que hai abundancia de radares para controlar a velocidade. Ata trinta ten instalados a Dirección Xeral de Tráfico nas vías secundarias e tamén de alta capacidade. E esta semana acaba de entrar en servizo un novo dispositivo de control. Trátase do radar situado á saída do túnel de Candeán en sentido Tui na AP 9 é o último en entrar en funcionamento na contorna de Vigo. É dos chamados radares de tramo que miden a velocidade media nun treito determinado, neste caso entre o túnel e Puxeiros.
O pasado catro de agosto Tráfico activaba un novo aparato de control na contorna de Vigo. Un radar de tramo, que mide a velocidade media, limitada a 120, nos algo menos de catro quilómetros que hai entre a saída do túnel de Candeán e as inmediacións do nó do Rebullón, sentido fronteira portuguesa.
A área metropolitana de Vigo é unha das que conta con máis dispositivos para o control da velocidade en toda Galicia. A DXT ten instalados unha trintena de aparatos en estradas, autovías e autoestrada nos accesos a cidade olívica e tamén nas vías interurbanas da comarca. Aumentan as sancións nestes días en que se multiplica o tráfico polas vacacións.
Tamén comezou a operar esta semana outro radar de tramo situado na N-550, no termo municipal de Vilaboa. Súmase á trintena de cinemómetros instalados na A-55, entre Vigo e O Porriño, nas estradas nacionais e vías secundarias que discorren polo Morrazo, o Baixo Miño o Val Miñor ou Redondela. Deles algo menos da metade son móbiles. Un control que resulta excesivo para algúns e necesario para outros.
Toda esta zona aumenta considerablemente a densidade de tráfico no verán, e tamén, xa que logo, a recadación dos radares. Tres dispositivos da comarca, situados na A-55 e na A-52, son os que máis multan en toda Galicia e sitúanse entre os 30 que máis sancionan de todo o Estado.