Publicador de contidos

Publicador de contidos

MercaDo Bo xunta ao consumidor cos produtores galegos de calidade

MercaDo Bo xunta ao consumidor cos produtores galegos de calidade

Os consumidores poderán coñecer os produtores dos artigos directamente nas prazas de abastos e mesmo compralos por Internet

A iniciativa comezou na praza de abastos de Compostela con vistas a espallarse a outras instalacións de ter éxito

Os compradores poderán saber de primeira man a calidade da súa cesta da compra e encargala no posto de venda ou por Internet

G24.gal 18/10/2025 15:06

Un dos maiores obstáculos que atopan os produtores galegos de calidade é achegar a súa produción aos consumidores. A partir dun xogo de palabras nace Mercado Bo ou Merca do Bo, unha iniciativa piloto que pretende promocionar os produtos de calidade de Galicia nas prazas de abastos, na que os compradores poden interactuar cos artífices dos viños, dos queixos ou dos chourizos tan ricos e sempre certificados dunha zona de Galicia. E tras promocionaren o produto de calidade, os compradores poden adquirilo nese punto da praza ou ben a través de Internet.

"Esta semana temos a indicación xeográfica protexida pemento de Oímbra. É un produtor que está producindo este tipo de pementos, poñémoslle aquí a cara, coñecémolo e vende directamente o seu produto ao consumidor. Cando xa non estea aquí o que pretendemos é ter ese produto dispoñible na web para poder seguir consumindo", ilustra María José González, responsable de Promoción da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).

A iniciativa piloto comezou hoxe no mercado de Santiago de Compostela cun posto dedicado ao pemento de Oímbra.

"Benefícianos en que a xente empeza a distinguir o que é o pemento do lugar, o autóctono, o ecolóxico de toda a maraña que nos vén de fóra", asente Juan Antonio Estévez, de Baronceli agricultura orgánica.

A idea Mercado Bo, que está apadriñada pola Consellaría de Medio Rural, promove os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida así como os artigos ecolóxicos e de artesanía alimentaria.

"Para o consumidor é interesante por unha cuestión de tempo e porque pode ter distintos produtos nun só clic e de doado acceso, sen necesidade de percorrer moito na web e á parte, que é unha web de garantía", relata Martín Touceda, responsable de CienPorcel.

Os consumidores poderán compartir elaboracións, catas e obradoiros cos produtores en tempo real para coñecer as excelencias da produción autóctona. Ademais, impulsa o cultivo local e o comercio de proximidade, pero sen renunciar ás vantaxes das novas tecnoloxías. Unha aposta segura.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade