Publicador de contidos

Publicador de contidos

Recuperar a avea negra, un dos cereais de orixe galega que se deixou de cultivar

Recuperar a avea negra, un dos cereais de orixe galega que se deixou de cultivar

O proxecto Avea Moura, do CSIC, pon en valor as súas propiedades gastronómicas e cosméticas

É un cereal moi resistente no seu cultivo e que favorece a biodiversidade

G24.gal 18/10/2025 14:20

A avea negra, un cereal autóctono que foi desaparecendo dos campos e da cociña galega está a ser recuperado polo grupo de investigación do CSIC, Avea Moura. Despois de estudárense os seus beneficios para a saúde e as múltiples propiedades gastronómicas e cosméticas, os primeiros prototipos de produtos están xa presentados e algúns deles case listos para saír ao mercado.

Hai case 50 anos que en Galicia a avea strigosa non se cultiva para os animais e os mesmos que xa ninguén come unhas papas desta avea que noutrora se facían con leite ou con auga. Outros cultivos substituíron os da avea negra aínda que esta reunía todas as condicións para medrar en calquera lugar de Galicia, pero a carón do millo ou do centeo considerouse que tiña menos valor, ata que o CSIC pensou na súa recuperación a partir dos bancos de sementes. 

"Ten un gran valor á vista do cambio climático porque é moi rústica e resistente ao frío, á seca e ás enfermidades. Tamén ten unha composición en antioxidantes máis elevada ca outra avea, polo cal é máis saudable e incluso anticanceríxena."

O obxectivo é que haxa agricultores que volvan botala e empresas transformadoras que a incorporen ao mercado. No campo gastronómico, o restaurante Culler de Pau xa a ten na súa carta: 

"Teñen un probiótico dun sabor excepcional feito coa 'avea strigosa', teñen unha allada tradicional á que a avea lle dá un toque moi bo e un 'garum', que é unha salsa de peixe, feita coa avea"

A panadería Dacunha tamén a introduciu nun tipo de pan que leva o 30% desta avea negra, e a cooperativa de cosmética Muuhlloa traballa con ela.

"Muuhloa xa desenvolveu dous prototipos, unha crema da pel e outra de hixiene íntima"

Dentro do proxecto fan un chamamento a aquelas persoas que poidan ter semente ou que conserven tradicións asociadas ao cultivo e ao seu consumo para evitar que se perdan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade