Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil localiza 250 cadáveres de animais nun criadeiro clandestino na Coruña

A Garda Civil localiza 250 cadáveres de animais nun criadeiro clandestino na Coruña

Ademais, 171 animais atopábanse nun estado de risco vital e foron trasladados a diferentes centros para a súa recuperación e o seu benestar

O centro atopábase na parte traseira dun establecemento público da localidade do Mesón do Vento, en Ordes

G24.gal 11/10/2025 09:26 Última actualización 11/10/2025 14:46

A Garda Civil desmantelou un centro de cría de animais clandestino que operaba na parte traseira do almacén dun local no Mesón do Vento, en Ordes, A Coruña. As condicións de salubridade e benestar animal eran extremadamente deficientes. O responsable xa foi detido polos axentes. O operativo levouse a cabo polo Seprona da Garda Civil, e comezou tras unha primeira inspección levada a cabo pola patrulla Fiscal e de Fronteiras de Noia.Tras o rexistro do lugar, localizáronse un total de 250 cadáveres de distintas especies, principalmente cans, entre eles 28 chihuahuas, e aves. Moitos deles presentaban diversos estados de descomposición, algúns mesmo estaban momificados. Estes restos atopábanse xunto a animais vivos que, ante a falta de alimentos e auga, alimentábanse dos restos cadavéricos.

"Durante a inspección, descubriuse unha gran cantidade de medicamentos veterinarios caducados e sen receita, utilizados de forma ilegal. O responsable do criadeiro foi detido e afronta cargos por maltrato animal, posesión ilícita de especies protexidas e intrusismo profesional veterinario", conta Lola Amado, voceira da Garda Civil . 

Ademais, as canceiras e gaiolas estaban totalmente cubertas de excrementos. Doutra banda, o operativo localizou tamén 171 animais vivos que se atopaban en condicións extremas debido á insalubridade do lugar.

Entre os animais con vida había cans, chinchillas, cabalos ananos, galiñas, patos e diversas aves. De entre estas últimas, incautáronse de especies exóticas e protexidas incluídas no Apéndice II do Convenio CITES, como dúas cacatúas rosas e dous guacamaios, un vermello e outro azul e amarelo. 

Debido ás condicións deficientes, que supoñían un grave risco para a vida dos animais, todos os exemplares vivos foron recolleitos e recolocados en centros adecuados para que se recuperen e teñan máis benestar. No transcurso da inspección, a Garda Civil tamén localizou unha gran provisión de medicamentos e material veterinario de uso profesional que se atopaba sen receita e, en gran medida, caducado.

Por estes feitos, o Seprona da Coruña instruíu dilixencias polos supostos delitos de malos tratos a animais, posesión ilícita de especies protexidas e intrusismo profesional no ámbito de veterinaria. As dilixencias, xunto co detido, foron postas ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda de Ordes.

A inspección levouse a cabo en colaboración con inspectores-veterinarios do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, e do Servizo de Control de Riscos Ambientais (SERGAS) da Consellería de Sanidade da Xunta.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade