Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mallan o responsable da Garda Civil de Soutomaior ao querer frear unha agresión

Mallan o responsable da Garda Civil de Soutomaior ao querer frear unha agresión

Dous individuos perseguían unha terceira persoa, que se refuxiou na casa do sarxento comandante

Os detidos, que xa están en liberdade, son os camelos da vítima e reclámanlle corenta euros

G24.gal 07/10/2025 14:32

Citárono preto da igrexa, na parte alta de Arcade, e a cousa xa pintaba mal.

"Faltar á palabra e ser un ladrón, non. Ti sabes o que teño no salón da miña casa? Vas alucinar! Vanche caer tantas hostias nun segundo que non as vas ver vir", ameaza un dos interlocutores nun vídeo de WhatsApp.

Pero quen fala non ía só. A vítima, un home toxicómano de 36 anos, encontrouse de fronte cun grupo. Querían cobrar unha débeda de 40 euros que lle puideron saír ben caros.

"Non era unha persoa soa. Eran tres ou catro e estaban dicindo que dous quedaban e dous viñan por min. Xa me encontro a un con cadeas e a outro con paus e viñan matarme", explica a vítima.

Botou a correr cara á casa, por unha costa que se lle fixo longa, polo que buscou refuxio na casa do sarxento comandante da Garda Civil de Soutomaior. Sorte diso.

"Temín pola miña vida. Collín unha pedra para defenderme pero vin que viñan cara a min e fun cara á primeira casa que atopei, coa sorte de que estaba o sarxento de Arcade na casa", engade o home.

Os agresores non se detiveron e, pese a que o axente, de paisano e de día libre, se identificou, arremeteron contra el. 

"Viñeron eles ameazando, ameazaron tamén ao sarxento de morte, pegáronlle ao can e ao sarxento déronlle dúas cabezadas", confirma coa voz tremendo.

Detiveron dous, os que chegaron ata a casa. Son, segundo nos conta a primeira vítima, os seus camelos habituais, veciños tamén de Arcade. Por iso, ten medo. Moito. 

"Estou ameazado de morte. Temo pola miña vida porque estes son 'trapicheiros', con contactos, e poden pagar pola miña vida", advirte. 

Os dous agresores quedaron en liberdade con cargos, malia as ameazas de morte que seguen en pé.

"Total, por unha débeda de nada... unha débeda de corenta euros", lamenta a vítima.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade