A maioría dos viaxeiros contratan seguros médicos cando saen da Unión Europea
O prezo medio para unha semana de viaxe en Europa é de 50 euros por persoa e a outro continente sobe aos 100
A póliza debe ter unha cobertura superior aos 100.000 euros se a viaxe é fóra da Unión Europea
A cobertura médica durante unha viaxe é desde a pandemia unha das preocupacións de moitas persoas á hora de planificar as súas vacacións. Practicamente a totalidade dos viaxeiros que reservan en axencias collen un seguro cando se trata de saídas ao estranxeiro durante máis dunha semana.
Non nos gusta pensar que as viaxes poden verse alteradas por un accidente ou unha enfermidade que nos faga acudir a un servizo médico, pero o certo é que intoxicacións, alerxias, virus ou unha escordadura son motivo con frecuencia dunha consulta sinxela que nun país estranxeiro pode saírnos cara se non o temos previsto.
"O que facemos sempre é pensar no mínimo que me pode ocorrer: que faga unha torcedura, rompa un nocello, que me teña que operar de urxencia por un ataque de apendicite... Dependendo do país no que ocorra iso vai ter un custo maior ou menor. Nos Estados Unidos se te tes que operar, a cousa complícase. Polo tanto, en función do destino e dos días de viaxe e do importe que paga pola viaxe, aplícanselle unhas coberturas", asegura Juan Antonio Rivadulla, presidente da Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia.
A media dun seguro para unha viaxe a Europa dunha semana está nuns 50 euros. Se a saída é a outro continente rozarían xa os 100. O servizo que dan chega ata a repatriación en transporte medicalizado en caso de que o cliente queira operarse aquí e a súa saúde non corra perigo no traslado. Nos últimos anos axilizouse ademais a atención das aseguradoras
"Agora xa hai consulta vía chat ou videochamada co médico que está en España, co que a interacción é moito máis fácil e rápida", explica Rivadulla.
Debemos fixarnos sempre nos límites das coberturas, e comprobar que fóra da Unión Europea superan os 100.000 euros.