Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta activa a situación de prealerta por escaseza de auga en 20 concellos

A Xunta activa a situación de prealerta por escaseza de auga en 20 concellos

A pesar de non advertir unha situación de seca prolongada, optouse por esta medida ante o descenso do caudal circulante desde xullo nos sistemas do Lérez e do río Grande

G24.gal 07/08/2025 13:01 Última actualización 07/08/2025 14:27

A Xunta activou a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas, o que afecta 20 concellos, que deberán adoptar medidas para o aforro de auga.

Segundo informou a Xunta de Galicia, a decisión adoptouse na reunión este xoves da Oficina Técnica da Seca que, a pesar de non advertir unha situación de seca prolongada nas concas da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, optou por esta medida precautoria ante o descenso do caudal circulante desde xullo nestes dous ríos.

En concreto, os 20 municipios afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, no ámbito do río Lérez; e Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, da conca do río Grande. A maiores, tamén se activarán medidas en Baiona

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, explicou, en declaracións en Miño, que a prealerta por seca "non é outra cousa que poñernos en aviso sobre o que pode suceder e, a partir de aí, os concellos ir tomando as medidas pertinentes".

En termos xerais mantense a situación de normalidade, xa que a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa é do 84,32 %, un 7 por cento por baixo da do ano pasado pero só un 1,7 por cento inferior á media nos últimos 10 anos.

Pero, en todo caso, Vázquez puntualizou que "isto non quere dicir que non haxa que trasladar unha mensaxe á cidadanía de prudencia" porque o aumento de poboación nestas datas estivais supón "un consumo moito maior" e porque "non vai chover polo de agora e as temperaturas elevadas van continuar".

Medidas para o uso responsable da auga

O organismo hidráulico Augas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente, xa comunicou esta mañá por escrito aos alcaldes dos concellos afectados a declaración do estado de prealerta para que adopten as medidas oportunas.

Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou a rega con auga potable.

Tamén ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse no canto de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando billa cando non se estea utilizando.

Polo que respecta aos concellos, a Oficina Técnica da Seca insta a que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas, a rega de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.

Pola súa banda, Augas de Galicia incrementará a frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais e insiste en que os concellos conciencien á cidadanía, a través de campañas e bandos municipais, da necesidade de aforrar auga.

Descenso do caudal e previsión do tempo seco

Esta situación de prealerta declarouse tras constatar "un importante descenso do caudal circulante" do río Lérez e Grande desde mediados do mes pasado, por unha combinación de falta de precipitacións e elevadas temperaturas, o que incrementa a evaporación da auga.

Ademais, tivéronse en conta as previsións meteorolóxicas para a primeira metade deste mes agosto, que anticipan un escenario marcado polas altas presións e o tempo seco.

No caso de Pontevedra e do subsistema de Baiona tamén se valorou o aumento de poboación que experimentan durante o verán os concellos que dependen dos encoros destas zonas.

Os técnicos analizaron tanto datos meteorolóxicos (do mes de xullo e as previsións de agosto), como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, seguindo o protocolo Plan especial de seca de Galicia-Costa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos