Vigo anuncia medidas para conter o uso da auga ante a baixada das reservas en Eiras e Zamáns
Limitará baldeos, duchas de praia, lavado de coches e fontes ornamentais
O encoro de Eiras atópase ao 79 %, dez puntos menos que hai un ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves novas medidas para conter o consumo de auga na cidade debido á diminución das reservas. O encoro de Eiras sitúase ao 79 % da súa capacidade, dez puntos menos que hai un ano por estas datas, mentres que o de Zamáns está ao 78,5 %, cinco puntos menos que en 2024.
Caballero explicou que a escaseza de chuvias dos últimos días provocou unha caída das reservas, aínda que asegura que non existe risco de desabastecemento na actualidade.
Prohibición de baldeos, peche de fontes e restricións no uso da auga
O rexedor confirmou que, aínda que non é necesario declarar o estado de alerta, vense obrigados a adoptar medidas de control e aforro: prohibiranse os baldeos de rúas, reduciranse ao mínimo imprescindible os regos, pecharanse as fontes ornamentais sen circuíto pechado e deshabilitaranse as duchas de praia. Ademais, quedará prohibido o lavado de coches fóra dos establecementos autorizados e o enchido de piscinas.
O Concello recomenda ás localidades abastecidas de Eiras adoptar as mesmas medidas
Caballero pediu á veciñanza un consumo responsable e instou a que estas mesmas restricións sexan asumidas polos municipios que se abastecen do encoro de Eiras: Soutomaior, Redondela, O Porriño, Mos, Cangas, Moaña, Gondomar e Nigrán.
O alcalde lembrou que o ano pasado o Concello elaborou un plan de acción ante episodios de seca, que foi remitido á Xunta e que, segundo indicou, segue sen recibir aprobación.
Caballero responsabilizou ao Goberno galego de que Vigo teña que adoptar medidas contra a seca ao non apoiar a ampliación da captación de auga, unha demanda que a cidade mantén desde hai máis dunha década.