Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alerta vermella en 27 concellos, 25 deles en Ourense, por máxinas de 42 graos e suspendidas as actividades deportivas

Alerta vermella en 27 concellos, 25 deles en Ourense, por máxinas de 42 graos e suspendidas as actividades deportivas

Na conca do Miño as temperaturas poden chegar aos 42 graos: Villamartín e Valdeorras alcanzaron os 41,3 graos 

Na provincia de Ourense, no interior de Pontevedra e na Montaña de Lugo quedaron suspendidas as actividades deportivas ata as 21 horas destes domingo

Calor extremo esta fin de semana en Galicia: MeteoGalicia activa este domingo o aviso vermello en Ourense

G24.gal 10/08/2025 13:40 Última actualización 10/08/2025 19:49

Continúa a vaga de calor en Galicia con cifras que compiten coas de Andalucía ou Estremadura. De feito, activouse o aviso vermello por altas temperaturas na provincia de Ourense.

A vaga de calor prolongarase ata o xoves da próxima semana. Aínda que se agarda unha pequena tregua a comezos da fin de semana, o domingo será especialmente crítico.

Por primeira vez neste verán, MeteoGalicia activou un aviso vermello en Ourense, concretamente na conca do Miño e en Valdeorras, onde se poderían superar os 42 ºC. De ser así converterase no día máis caloroso da semana. MeteoGalicia publicaba na súa conta de X o mapa de temperaturas de hoxe, e anuncia un descenso das temperaturas para a semana do 11 ao 17 de agosto.

Un total de 27 municipios da provincia de Ourense, nas zonas de Valdeorras e o Miño, permanecen desde as 15:00 horas deste domingo ata as 21:00 en alerta vermella meteorolóxica, coa posibilidade de alcanzar temperaturas superiores aos 42 ºC.

Segundo adiantou esta semana a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, esta é a primeira vez durante este verán que se alcanza este nivel de aviso, por temperaturas máximas e nunha zona e día concreto, porque se supera o limiar de 42ºC.

Con todo, puntualizou que xa se deron avisos, dentro deste episodio de calor, desde o 30 de xullo, nalgunhas zonas de Galicia a nivel vermello para saúde pública, por temperaturas altas polo día e pola noite e pola súa duración. O plan de Sanidade mantén este domingo no máximo nivel a toda a provincia de Ourense e ao interior de Pontevedra.

As máximas temperaturas do día en Galicia recolléronse todas na provincia de Ourense: en Vilamartín de Valdeorras, estación da Portela, alcanzáronse 41,3 ºC ás 16:40 horas; Verín, estación de Vilela, chegou a 40,2 ºC ás 18:10 horas, e a cidade de Ourense alcanzou 40,1 ºC ás 17:50.

Ademais, outros lugares da Comunidade permanecen en nivel laranxa. Este é o caso do sur de Ourense e Lugo, que esperan temperaturas superiores aos 39ºC; o Miño de Pontevedra e a montaña de Lugo, onde os termómetros superarán os 37ºC, e o interior de Coruña, unicamente entre Santiago e Melide, onde a temperatura roldará os 37ºC ou máis.

Ademais, no interior de Pontevedra, o centro de Lugo e o noroeste e a montaña de Ourense están no nivel amarelo por temperaturas por encima dos 36ºC. É o mesmo caso do noroeste da Coruña, onde puntualmente chegarase aos 34ºC.

Moita calor tamén nas Rías Baixas

As praias baleiraron cidades nas Rías Baixas e ateigáronse de xente neste domingo de agosto.  
Preto do mar, lévanse mellor os trinta graos que marcan os termómetros en moitos puntos desta parte do litoral.  

Suspensión da actividade deportiva

Ao mesmo tempo, toda a provincia de Ourense e o interior de Pontevedra atópanse actualmente no nivel vermello de alerta dentro das actuacións establecidas para paliar os efectos sobre a saúde. Ademais, a montaña de Lugo está no nivel laranxa.

En todas estas zonas, a Xunta determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior ata as 21:00 horas deste domingo. Quedan permitidas as actividades acuáticas, coa recomendación de que non se realicen nas horas centrais do día, é dicir, de 12.00 a 17:00 horas.

O interior de Pontevedra comprende as localidades de Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Na montaña de Lugo, a alerta afecta Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

 

A Coruña e o Cantábrico, refuxio climático

Os que escapan da calor abafante atopan no norte galego todo un refuxio climático. A costa da Coruña e A Mariña luguesa son eses acubillo onde os termómetros se manteñen e en valores agradables. 

Unha situación que agradecen os visitantes que chegan de zonas moi cálidas. Valoran poder estar na praia sen agonías nin masificacións. Tamén poder durmir pola noite.   

Os máximos rexistros históricos de altas temperaturas en Galicia

MeteoGalícia lémbranos este domingo de vaga de calor os máximos rexistros históricos nunha publicación na súa rede social X.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade