Aprender a patinar sobre o xeo, todo un clásico en tempos de Nadal
Flexionar os xeonllos, ir amodo e acompañado e practicar sen descanso son os consellos dos expertos
Na pista distínguese ben quen pisa por primeira vez o xeo sobre patíns.
E semella que este pode ser un bo comezo a xulgar polos consellos dunha experta de 11 anos como Noa: "Que o fagan amodiño e que vaian acompañados", di.
"Para aprender o máis importante é manter o equilibrio. Para iso hai que flexionar os xeonllos e así evitar caídas. E eu sempre digo que se cargue o peso do corpo sobre unha perna e deixarse levar", apunta Marina López, encargada da pista de xeo instalada no peirao de Batería do porto da Coruña.
Axuda ter presente que a proba-erro forma parte da aprendizaxe.
"Un vai collendo soltura a medida que vai dando cuadas e imos aprendendo", comenta un dos usuarios da pista.
E senón sempre podemos mirarnos no espello dos máis pequenos e aprender deles.
"Está mantendo o equilibrio si. El é a primeira vez que vén a patinar sobre xeo. Patina no cole, pero tiña moitas ganas de vir e está desfrutando moito", di unha nai.
"Os pequenos son os que perden o medo dun xeito doado e aprenden moi rápido", engade a encargada da pista.
E aquí volvemos co noso novato inicial para ver os seus progresos. "Xa podía ir eu só por aí sen ningún problema", destaca con fachenda. Na pista a constancia ten a súa recompensa.