O 10% da comida que mercamos para as festas do Nadal acabou no lixo
Segundo un estudo de Too Good to Go, case o 45% do que desperdiciamos son doces
Todos os anos ocorre o mesmo no Nadal: enchemos a neveira, a mesa e tamén o lixo: o 10% da comida destas festas rematou no caldeiro do ciscallo.
Estas datas son unha época especialmente propicia para o desperdicio alimentario que é xa un problema económico, social e medioambiental global. De feito, só en España tíranse, ao ano, mil cen millóns de quilos de alimentos.
Seis de cada dez persoas recoñecen mercar comida de máis porque prefiren que sobre antes que falte. Esa tendencia ao exceso faise máis evidente durante a época do Nadal, con celebracións sinaladas que nos reúnen á mesa.
" Máis ou menos o 55% admite desperdiciar comida durante as festas. Isto é oito de cada dez que recoñece tirar ata o 10% dos alimentos", explica Silvia Magán desde Too Good To Go.
Ou o que é o mesmo, tiramos ao lixo ao redor de trinta euros por persoa. Son datos dun estudo da plataforma Too Good to Go, do que tamén se tira algunha conclusión positiva: nove de cada dez persoas aseguran que procuran aproveitar as sobras.
"Se se fai cocido, xa sabebes, faise roupa vella; se sobran lagostinos, fago un salpicón". "Fanse croquetas de moitas cousas, ao día seguinte comes o que sobrou... mesmo e se hai que comelo tamén ao terceiro día, pois tamén se come". "Son datas de excesos, non só na comida. Deberiamos ser un pouco máis conscientes", dinnos os consumidores na rúa.
Accións conscientes e responsables para reducir o desperdicio alimentario. A cifra asusta: só en España acaban no lixo mil cen millóns de quilos de comida cada ano.