A campaña "Co marrón somos máis verdes" anima a separar os residuos orgánicos
A Consellería de Medio Ambiente presentou a iniciativa en Ferrol, Lugo e Santiago
A compostaxe de biorresiduos medrou un 43% o ano pasado nas catro plantas públicas
A Consellería de Medio Ambiente presentou esta mañá en Santiago a nova campaña que anima a cidadanía a usar o colector marrón, destinado a residuos orgánicos biodegradables. A recollida separada xa está implantada no 94% dos concellos.
Co lema "Co marrón somos máis verdes" búscase que os usuarios separen do lixo xeral os restos de comida, vexetación ou as borras do café. Tres marquesiñas, instaladas en Ferrol, Lugo e Santiago, adobiadas con material orgánico, visibilizan esta nova iniciativa.
"Galicia investiu nos últimos anos 70 millóns de euros e trátase da única comunidade autónoma que ten toda a infraestrutura pública para que a xente poida usar o colector marrón. Que botamos no colector marrón? Os restos de comida, da froita ou os pousos do café, por exemplo", asegurou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Clímático, Ángeles Vázquez.
A xestión dos resíduos orgánicos en Santiago
Un concello que xa leva anos involucrando a poboación en facer unha boa xestión da materia orgánica é o de Santiago. Máis de 6.000 familias solicitaron a tarxeta electrónica que lles permite deixar o lixo orgánico nestes colectores que hai en todos os barrios.
"Uso o colector para botar materia orgánica. Tamén é verdade que teño un pequeno depósito de compost na casa para as miñas plantas e o resto do orgánico vai para o colector marrón", di unha usuaria
"Boto os restos da cebola, dos allos, dos plátanos. Somos unha familia de seis persoas e si que xeramos batante lixo orgánico. Dúas veces á semana hai que baixalo", di outro usuario
Dispón ademais de dez illas de compostaxe a onde se poden levar os resíduos orgánicos para transformalos in situ. Un servizo que empregan os veciños e tamén os hostaleiros.
"Xeramos moito resto orgánico que podemos evitar metelo ao lixo xeral. O colector cumpre unha dobre función: por un lado un aforro de custos para os servizos públicos e polo outro facer o compost que os veciños veñen por el. Aínda onte ou antonte viñeron buscalo porque se fixo un reparto do que se xera aquí, para as hortas, os xardíns..." asegura o hostaleiro Lois Lopes.
Ademais na cidade é no rural xa é natural atopar composteiros individuais para a materia orgánica das hortas. Desde o concello distribuíron máis de 1.900, que permiten ter materia para estercar a terra.