Colectores precintados e ata 2.000 euros de multa por non facer ben a reciclaxe
O Concello de Silleda deseña un método para localizar os que reciclan mal e advertilos das multas aparelladas á mala praxe
Sacos de cal vivo, refugallos das obras e ata animais mortos aparecen de cando en vez nos colectores de lixo amarelos
O Concello de Silleda acaba de decidir que vai bloquear eses colectores con residuos impropios para investigar quen os botou. Despois dun aviso, pódelles chegar unha multa de ata 2.000 euros se reinciden.
Nos últimos colectores amarelos bloqueados en Silleda había sacos de cal vivo. No do vidro, caixas ata co enderezo do que a botou; animais mortos, xoguetes, mobles... Con esta fórmula de precinto e información, o Concello quere evitar a suba da factura para todos os veciños, porque os colectores que chegan a Sogama con material indebido deben pagar un sobrepezo. E tamén queren dar exemplo de cumprimento na reciclaxe de residuos e do coidado ao medio.
"Non temos moitos casos pero si é certo que son graves. O que queremos non é tanto sancionar como concienciar", declarou Paula Fernández, a alcaldesa de Silleda.
Lembran que son concello bandeira verde por boas prácticas ambientais, que teñen illas na zona rural, tamén para a recollida de roupa, aceites, e un servizo, de recollida de útiles porta a porta e de plásticos agrícolas.