Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta activa a alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da Coruña este martes

A Xunta activa a alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da Coruña este martes

Suspensión de actividades no exterior nos centros educativos e cancelación da actividade deportiva federada

O aviso laranxa por temporal costeiro continúa nos litorais da Coruña e Lugo

G24.gal 08/12/2025 22:02 Última actualización 08/12/2025 22:11

A Xunta activou para este martes a alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da provincia da Coruña e mantén o aviso laranxa por temporal costeiro nos litorais da Coruña e Lugo.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación a concellos, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntariado de Protección Civil e clubes náuticos a través do 112 Galicia, co obxectivo de reforzar as medidas de prevención.

Rachas de ata 100 km/h e ondas de ata sete metros

Segundo a Aemet, a alerta por vento comeza nas últimas horas deste luns, cunha previsión de refachos que poden chegar aos 100 km/h.

O nivel laranxa por temporal costeiro continúa activo no litoral da Coruña e da Mariña de Lugo, con ventos do sur ou suroeste de ata forza nove e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas que poden acadar os sete metros.

Suspensión de actividades nos centros educativos

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender ata as 16.00 horas deste martes as actividades no exterior dos centros educativos en dúas zonas da Coruña: o oeste —Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas— e o suroeste —Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois—.

Cancelación da actividade deportiva federada e do programa Xogade

Quedan canceladas as actividades deportivas federadas e as do programa Xogade que se desenvolvan no exterior.

A suspensión abrangue desde a medianoite ata as 15.00 horas deste martes no oeste e noroeste da Coruña, e desde a medianoite ata as 09.00 horas no suroeste coruñés.

No caso das actividades no mar, a suspensión manterase ata finalizar o martes: desde as 09.00 horas no oeste da Coruña —Costa da Morte—, desde as 10.00 horas no noroeste da provincia e desde as 12.00 horas no suroeste coruñés, Rías Baixas e Miño de Pontevedra.

Na Mariña de Lugo, a suspensión rexerá desde esta medianoite ata as 14.00 horas do martes.

A Xunta recomenda afastarse da liña de costa, extremar a prudencia en actividades no mar e revisar cabos e amarres das embarcacións ante a situación meteorolóxica adversa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade