Publicador de contidos

Publicador de contidos

Semana de temporal marítimo en todo o litoral galego, coa maioría da frota amarrada

Semana de temporal marítimo en todo o litoral galego, coa maioría da frota amarrada

Está activado o aviso laranxa por ondas de máis de cinco metros

Só saíron ao mar os barcos que traballan ao abrigo das rías

Prevese mar de fondo combinado do noroeste con ondas de 5 a 6 metros

directo En directo cámara da CSAG en Muxía
G24.gal 02/12/2025 08:55

Semana complicada en todo o litoral galego, con ondas que fan practicamente imposible traballar en zonas de mar aberto. Sábeno ben na Costa da Morte onde a maioría da frota está amarrada pola marusía.

"Do monte Louro para fóra non se pode saír, nin tampouco saíron estes días os barcos de Porto do Son", explica Daniel Formoso, patrón maior de Muros.

"Aquí en Lira só saíu un barco a largar nasas, os demais están todos amarrados. Aquí non temos abrigo ningún", di un mariñeiro de Carnota

O mar bravo contrasta coa calma relativa do interior das rías, onde os barcos mariscadores saíron traballar para non perder un día máis dunha campaña complicada.

"Entre a toxina nas bateas e o marisqueo e agora o mal tempo, levamos todos os golpes xuntos".

"A ver se podemos largar nasas esta tarde, pero hai que estar pendentes do que mande a natureza".

Está previsto que o temporal marítimo se prolongue durante varias xornadas e vaia a peor coa chegada do vento. E todo coa campaña de Nadal ás portas. 

"A ver se logramos ter a última quincena de decembro boa, para traballar tranquilos no Nadal e compensar estes paros por mal tempo "

Eles teñen que quedar en terra, e os demais debemos extremar a precaución no litoral procurando estar nun sitio seguro.

Aviso laranxa

A Axencia Estatal de Meteoroloxía notificou un aviso de nivel laranxa por fenómenos meteorolóxicos adversos costeiros, que entrou en vigor este martes ao mediodía no litoral da provincia da Coruña ampliándose á primeira hora da tarde á Coruña ás costas de Pontevedra e Lugo.

Ademais, informou de que se prevé mar de fondo combinado do noroeste con ondas de 5 a 6 metros, polo que as condicións serán especialmente adversas na costa. 

Con todo, recomendou que se extremen as precaucións en portos, praias e zonas próximas á costa, evitar achegarse a zonas expostas á ondada e seguir en todo momento as instrucións das autoridades e os avisos oficiais.

Por esta alerta, a Xunta decidiu a suspensión do programa Xogade e da actividade deportiva federada no mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade