O temporal deixou vento de máis de 120 km por hora en Vimianzo
O temporal provocou tamén desprendementos nos cantís de Campelo, en Valdoviño
Segue activo o nivel de alerta laranxa por temporal costeiro
Suspendeuse a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar
A Xunta activou para este luns o nivel de alerta laranxa por temporal costeiro, que afecta desde primeira hora o noroeste e oeste da provincia da Coruña e que se ampliou a media mañá ao suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra.
O temporal deixou vento de 122 km por hora en Vimianzo. O valor rexistrouse na estación da Gándara ás 3:20 da madrugada. O vento chegou aos 90,5 km/h en Abadín, 85,5 en Burela e 84 km/h en Cuntis.
A forza das ondas provocou ademais desprendementos nos cantís de Campelo, en Valdoviño, nunha zona moi frecuentada nos meses de verán.
Debido a esta alerta, suspendeuse a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos municipios do oeste da Coruña (Costa da Morte) entre as 09:00 e as 24:00 horas.
No noroeste da Coruña suspendeuse entre as 10:00 e as 24:00 horas, e no suroeste desa provincia, as Rías Baixas e o Miño de Pontevedra entre as 12:00 e as 24:00 horas.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informou os municipios afectados, as deputacións, os servizos provinciais e agrupacións de voluntariado de Protección Civil e os clubs náuticos.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, tanto diques como espigóns e paseos marítimos. Tamén pediu que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.