As termas triunfan no inverno
As de Prexigueiro, en Ribadavia, ateigáronse durante a ponte
A sensación de relaxación ao somerxerse na auga é maior cando fóra vai frío, aseguran os usuarios
Só falta a neve nos piñeiros para teletransportarnos á típica paisaxe nórdica. Co vapor saíndo da auga e a placidez reflectida nas caras.
"Moi ben. Reláxame moito e déixame moi tranquilo". "A sensación é moi boa", sinala unha parella de Arteixo desde unha das pozas.
Nas termas de Prexigueiro a auga oscila entre os 36 e os 40 graos. Unha temperatura ideal para contrastar co frío exterior.
"Aquí non vai frío, somerxido. Pero hai que saber alternar, deitarse e sentar", explica Manuel, un veciño de Vigo que leva anos acudindo habitualmente a Prexigueiro.
É recomendable facer un choque térmico con auga fría, entre poza e poza. "Eu non o levo ben, pero hai que facelo de cando en vez", di un mozo de Carballo.
Ata a molesta chuvia é aquí ben recibida. "Notas a auga fría da chuvia pero, como ti estás dentro, incluso se agradece, non molesta", sinala unha moza.
Ao longo da ponte, foron moitos os que optaron pola escapada termal.
Ismael Domínguez, encargado das termas de Prexigueiro: "Máis xente de Galicia que outros anos, por ser unha ponte curtiña. Xente da Coruña, Santiago, Lugo".
De paso, aproveitan as propiedades terapéuticas das termas naturais.