Publicador de contidos

Publicador de contidos

As altas temperaturas do outono alongan a temporada de velutinas

As altas temperaturas do outono alongan a temporada de velutinas

Os niños seguen poboados por milleiros de avespas, cando xa debían quedar baleiros

Os máis perigosos son os que non están á vista, como lles aconteceu ás tres vítimas mortais que houbo en Galicia en só quince días

G24.gal 01/11/2025 15:42

Dúas das últimas vítimas mortais das velutinas en Galicia, en Dozón e en Curtis, estaban rozando. O outro, un cazador de Cospeito, puido pisar accidentalmente un niño. Tres falecidos en dúas semanas.

Gonzalo Calvo, veterinario da asociación galega de Apicultura: "Vaiche inxectar unha cantidade de veleno que igual é catro ou cinco veces a dunha avespa común. Se recibes moitas picaduras, vinte ou trinta, pode ser perigoso para calquera persoa".

Desde que chegaron a Galicia, as velutinas fóronse expandindo ata colonizaren a práctica totalidade do territorio.

Xesús Feás, veterinario experto en velutinas: "En Galicia detectáronse dous niños en 2012 e, catro anos máis tarde, case once mil".

Os niños construídos no chan son os menos frecuentes pero os máis perigosos.

"Se os pisas ou tropezas con eles, elas van protexer o niño. Son bastante agresivas, pero como calquera animal que defende a súa casa", explica Gonzalo Calvo.

Precaucións

Os expertos aconsellan tomar precaucións, sobre todo á hora de facer labores no campo. "No inverno e comezos da primavera non hai perigo porque non hai niños ou son moi pequenos. Hai que aproveitar ese tempo para facer tarefas de limpeza", sinala Calvo. "Non hai que facer movementos bruscos, non andar descalzos, as persoas alérxicas deben evitar os sitios onde hai froita madura...", engade Xesús Feás.

A estas alturas do ano, os niños debían estar practicamente baleiros, pero as elevadas temperaturas do outono están alongando a vida activa das avespas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade