Niños primarios de velutina: un perigo para os que rozan neste tempo
Poden estar agochados na terra ou entre as silvas
Aconsellan inspeccionar o terreo e non traballar en solitario, amais de usar roupa grosa e careta
Os donos das colmeas saben ben o perigosas que poden chegar a ser as velutinas.
"A min picáronme nove veces, doeu moitísimo, e se chego a ser alérxico, estaba morto", di Manuel Outón Fernández.
"Teñen moito veleno. Aquí xa morreron varias persoas, un moi preto hai uns dous anos. Só lle picou unha velutina, pero foi nunha vea crítica da perna e morreu", engade Regina Fernández Amoedo.
Por iso o Concello de Barro publica unha serie de recomendacións ás que estar moi atentos especialmente agora, que hai moita xente rozando e as raíñas xa fixeron os niños primarios. Son pequenos e poden estar ocultos baixo terra ou entre as silvas. Así que o primeiro é examinar o terreo e evitar traballar sós en zonas illadas.
"Nunca se debe ir rozar só, co disco da rozaidora tocas o niño e che veñen saen todas xuntas e te poden tirar. Se hai alguén preto polo menos pode chamar ao 112 ou socorrerte".
Se a roza é con tractor cómpre que teña cabina. Se é a pé, o básico é levar unha vestimenta adecuada que protexa o corpo e a cara das picadas.
"Non se pode ir arremangado, tes que levar botas, roupa grosa e unha careta porque cando veñen á cara cómente"
Insisten tamén na importancia de previr, poñendo trampas para raíñas no mes de marzo, xusto antes de que se multipliquen exponencialmente na primavera.
"Hai que acordarse de facelo no comezo da primavera, agora imos tarde. Cada raíña que colles é un niño menos, e cada niño ten 50 raíñas, fai a conta".
Se localizan algún destes niños poden chamar 012 para que o retiren. E se se produce un ataque, cómpre avisar o 112 para activar a asistencia sanitaria urxente.