Evacúan unha veciña de Carballo en estado grave por unha picada de velutina
A muller, que foi atacada mentres limpaba a maleza dun regato preto da súa casa, continúa hospitalizada, pero xa está fóra de perigo
Sucedeu ás catro da tarde, cando a muller estaba a limpar de vexetación este regato da parroquia de Entrecruces, a poucos pasos da súa casa.
"Picouna unha avespa desas mentres limpaba o rego. Deu chegado a pé á casa e lle dixo ao marido que a levara ao médico. Pero nese momento xa caeu e o marido chamou ao 112", explica unha veciña.
Esvaeceuse despois de queixarse de moita dor no brazo. O 112 desprazou ata a zona persoal de emerxencias de Carballo, o helicóptero medicalizado de Santiago e unha ambulancia que finalmente trasladou a muller ao Hospital da Coruña.
"Cando cheguei eu xa ía na ambulancia, marchou mala, si".
Estaba grave e hoxe continúa ingresada, pero xa fóra de perigo. Semella que todo quedou nun gran susto que recorda a perigosidade das velutinas, sobre todo nesta época en que pode haber niños primarios ocultos na terra ou entre a vexetación.
"Non as ves porque fan os niños no terreo. Atacan moito, hai que ter coidado, pero ás veces te despistas ou saen dun burato e non as ves".
En caso de picada o tempo de resposta é fundamental. Desta volta foi crucial a rápida reacción da familia e a proximidade entre a vivenda e o lugar do ataque.