Publicador de contidos

Publicador de contidos

Permanecen activos focos de lume na nave de Rubiáns e seguen desaloxados os veciños de seis vivendas

Permanecen activos focos de lume na nave de Rubiáns e seguen desaloxados os veciños de seis vivendas

As emanacións de fume continuaron durante todo o domingo cun vento máis intenso ca o da xornada anterior

Descártase a perigosidade dos gases pola baixa concentración de activos dos raticidas e fitosanitarios almacenados

G24.gal 10/08/2025 22:06

Ata avanzada a tarde deste domingo continuaban os focos de lume e os traballos de arrefriamento da nave da parroquia vilagarciá de Rubiáns. A mestura do material calcinado da propia nave e dos produtos químicos almacenados xerou sucesivas reactivacións das lapas. As autoridades e a propia empresa inciden en que non hai perigo cos gases tóxicos xa que os raticidas e fitosanitarios que se albergaban aquí non teñen principios activos concentrados.

"En principio moita psicose de se isto era tóxico, pero non. Viñeron os técnicos e analizaron a atmosfera e non hai problema ningún. O único o fume que aos veciños dos arredores tiveron que desaloxalos mentres non baixe o incendio, pero controlado xa está desde onte", explicaba Toni Alonso, director xerente de Impex Europa.

As áreas de calor están a demorar os traballos de desentullo na nave de Impex Europa e quedan por determinar as causas do incendio por parte da policía científica. As labaradas de onte fixeron que moitos veciños temeran que todo acabara peor nas vivendas dos arredores.

"Saímos todos máis ou menos ben e quedou todo nun susto. Non era outra cousiña", di un home.

"Isto era demasiado. Despois, un cheiro espantoso, espantoso. A ver, uns estoupidos que había que xa me dirás", comenta unha muller.

Vinte e dúas familias viviron onte un desaloxo das súas vivendas non exento de tensións:

"Miña nai vive aquí, é moi maior e tivemos que levala de aquí porque o fume era moi grande, o incendio dá moita calor e de feito quedei eu para regar as leiras por se caía algunha faísca".

A inquedanza era evidente aínda a última hora da tarde porque o incendio non se apagou completamente e o vento que arrastra o fume é máis intenso ca onte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade