Estes días de calor abafante buscamos onde refrescarnos: preferimos o río ou o mar?
Son medios nos que a diferenza a marca a temperatura da auga, as correntes e que sexa auga salgada ou doce
Sexa no río ou no mar a recomendación é bañarse nas zonas habilitadas e facelo sempre con sentidiño
Nestes días de calor abafante hai que buscar como refrescarse. Saímos a rúa para saber se en Galicia somos máis de baño no río ou no mar. Os dous refrescan, pero o medio é moi diferente.
"Río", di un mozo, e outro comenta: "Para bañame, quizais o mar, pero eu son de río".
Son respostas de lugueses a carón do Miño, nas que o río gaña por goleada.
"A min o do sal non me gusta, estar pegañento, e levo toda a vida no río, teño máis costume", di un mozo, e outro asegura: "Levo mellor os prados e a auga doce".
A diferenza entre o mar e o río márcana a temperatura, as correntes e que a auga sexa salgada ou doce.
"A auga do mar ten máis densidade, flotas mellor, a temperatura da auga do río é máis constante, está máis morna, e en verán no río como non chove hai menos correntes", explica Alexis Arrieta, monitor de piragüismo.
Precisamente o movemento é o que prefiren os de auga salgada.
"Gústame saltar as ondas é máis divertido", di un rapaz, outro engade: "A min gústame a auga salgada e ver o fondo".
O mar é un espazo máis aberto e, polo tanto, menos seguro.
"No mar a auga é máis cristalina, vemos o fondo pero hai máis ondas e máis correntes, é un espazo máis aberto", comenta Javier Rodríguez, monitor de piragüismo.
Sexa no mar ou no río que o importante é que o mergullo sexa con sentidiño.