O incendio de Larouco avanza sen control por Quiroga, onde se reactivaron varios focos
O lume achegouse ás casas das aldeas de Bendilló, Centeais e Montefurado
Na comarca de Valdeorras o lume arrasou preto de cen vivendas
Dos incendios activos en Galicia, o que máis avanza é o que se iniciou en Larouco e que calcinou xa 20.000 hectáreas. A fronte máis crítica é a de Quiroga, onde continúan varios focos activos.
Na tarde deste martes reactivouse un que xa se daba por controlado, o de Bendollo, onde o lume se achegou perigosamente ás casas.
Houbo que cortar os accesos á aldea, e tanto as brigadas coma os veciños fixeron un esforzo titánico para frear o avance das lapas.
O alcalde confirma que hai outros puntos críticos, lumes que están avanzando con moita virulencia en lugares como Centeais ou Montefurado.
Quiroga é agora mesmo o punto quente do incendio de Larouco, que se estende ademais por outros oito concellos de Ourense e que, á falta de actualizar datos, xa calcinou máis de 20.000 hectáreas, converténdose no máis devastador da historia de Galicia desde que hai rexistros.
Especialmente castigada foi a comarca de Valdeorras, que aínda segue ardendo. O balance alí é desolador: o lume arrasou máis dun cento de casas e hai veciños que o perderon todo, tal e como contan varias persoas da aldea de San Vicente, en Vilamartín.
O lume tamén queimou patrimonio no rural valdeorrés. No concello do Barco arderon varias igrexas e o lume cercou o cemiterio de Cesures.